Programan do 25 ao 28 de xaneiro a feira Cimag-GandAgro 2017

Alicia manso, J. B. LALÍN/ LA VOZ

SILLEDA

Nesta segunda edición ampliarase un día e haberá unha redución superior ao 33 % nas tarifas de espazo

19 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A II Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandería Cimag-GandAgro 2017 terá lugar entre os días 25 e 28 de xaneiro. Así o decidiu onte o comité organizador durante unha reunión mantida en Silleda onte pola mañá á que asistiu a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. Unha xuntanza na que tamén participaron Susana Pedrosa Castillo, en representación da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, un equipo de traballo da Feira Internacional de Galicia encabezado polo seu director, Ricardo Durán, e 25 destacadas identidades e empresas dos sectores da agricultura, gandería e maquinaria agrícola.

Esta feira é froito da fusión dos monográficos de gandería e agricultura, GandAgro, e de maquinaría agrícola, Cimag. No ano 2015 supuxo un éxito expositivo e de afluencia contando con máis de 20.000 visitantes, 168 expositores directos e preto de catrocentas firmas expositoras. Nesta segunda edición, o certame terá un día máis de duración e haberá unha importante redución nas tarifas de espazo, unha rebaixa superior a un 33 % respecto de cando se facían as dúas feiras por separado.

A directora xeral Belén Docampo expresou o respaldo da Xunta a esta feira, da mesma maneira que tamén o fixo o resto dos participantes. A disposición para seguir impulsando este no certame fusionado tamén foi latente en todos os participantes.

Durante a reunión os membros do comité abordaron diferentes aspectos relativos a comercialización, promoción e organizativos como foi a fixación de data e a ampliación o mércores 25, para que os expositores poidan levar a cabo unha mellor atención aos profesionais ademais de dispor de máis xornadas para evitar o solapamento da programación durante as diferentes e variadas xornadas técnicas.

Como continuidade a está reunión está programada unha segunda para finais do vindeiro outubro na cal se fará un seguimento da evolución da contratación e programación das actividades.