«A exposición permanente reunirá máis dun cento de obras dende o 95»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

Estocolmo, Taiwán e Barcelona acollerán en xullo obras pictóricas de José Antonio Fondevila, que abre unha sala de mostras en Silleda

30 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O artista José Antonio Fondevila continúa levando a súa obra por distintos países do mundo e prepara proxecto expositivo. Nuns días poderán ollarse creacións súas en Estocolmo, Taiwán e Barcelona e á par dispónse a abrir unha exposición permanente na súa vila natal.

-¿Por que decide abrir unha mostra permanente?

-Por demanda e tamén por necesidade. Tiña a obra espallada nun par de sitios e cando algunha persoa quería ver un determinado cadro sempre era complicado, por iso pensei en levala toda para un mesmo sitio.

-¿Canta obra está exposta de xeito permanente?

-A exposición permanente, sita na República Argentina que conta con 250 metros cadrados de superficie e uns 70 metros lineais de parede útil para colgar, reunirá máis dun cento de obras que van dende o ano 1995 ata o 2016. Son creacións que abranguen as distintas etapas e series que fun facendo ao longo destes anos. Dalgún xeito penso que a exposición pode amosar o meu proceso evolutivo como pintor. A maioría das obras son pinturas malia que tamén se poden atopar esculturas, en menor cantidade, xa que levo moito menos tempo esculpindo que pintando.

-¿Estará aberta ao público habitualmente?

-Non, pero calquera persoa que esté interesada en ver a obra poderá concertar unha visita e sen problema se lle facilitará a entrada á mesma.

-Un vindeiro mes de xullo con varias citas expositivas.

-En principio teño tres á vista. Participarei na Feira Internacional de Arte -Art Hespo 2016- que se vai celebrar en Hospitalet de Llobregat, en Barcelona, do 16 ao 20 de xullo. É un espazo que reúne a firmas nacionais e internacionais e a promesas emerxentes. Por outra banda xa enviei tres obras de pequeno formato para Estocolmo, para a Galería Bellman que organiza Crearlum de Huesca, e logo está a cita na feira de arte asiática Art Taipei 2016; un evento asiático que se realizará en la isla de Taiwán.

-¿Son obras recentes as que se colgarán alí?

-Hai un chisco de todo. Para Estocolmo mandei a obra titulada «Improvisaciones de diciembre» e, para Taiwán, «Mirada indiscreta». En todos os casos trátanse de obras de formato pequeno ao seren máis doadas de enviar.