Dorna e monte da Dorna

ISABEL SANTOS

SILLEDA

27 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A nosa embarcación máis senlleira, de orixe antiquísima, tamén é o nome de dous lugares da parroquia de Taragoña: Dorna e monte de Dorna, perto da conca do río Té. Dornelas en Silleda, As Dornas en Coristanco, Dornas en Santa Comba e en Quiroga son outros exemplos de topónimos e hidrónimos relacionados con vales ou correntes fluviais.

A orixe da palabra «dorna» estaría no antigo occitano dorne «medida de capacidade», mais non podo deixar de mencionar outra teoría que fala dunha contaminación entre dous termos latinos: urna «urna» e dolium «cántaro». Sexa un recipiente onde se pisa a uva, ou con forma de nave para recoller o viño, ou un muíño hidráulico, ou sinónimo de artesa, estamos sempre coa forma cóncava, que cadra moi ben coa xeográfica das valgadas. Na orixe toponímica estaría a base prelatina *dheu- «fluír» que pode dar orixe aos hidrónimos Dornas, pero tamén Douro. A cadea semántica está servida: «corrente fluvial»> «valgada, depresión»> «recipiente cóncavo, embarcación», tomando como punto de partida o nome dun río, a miúdo considerados as reliquias dos topónimos.