As casas rurais e hoteis da zona manteñen a ocupación

elena cuiña LALIN / LA VOZ

SILLEDA

Imaxe de arquivo de Casa Lagoreiro da Estrada, unha das moitas que funcionan na zona.
Imaxe de arquivo de Casa Lagoreiro da Estrada, unha das moitas que funcionan na zona.

A Rapa das Bestas e o bo tempo axudan a que as casas rurais aumenten o número de reservas

04 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os meses do verán sitúanse como os preferidos para ocupar os hoteis e casas rurais das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, sobre todo, se ademáis de disfrutar do bo tempo e duns días de descanso podemos gozar tamén do turismo e das festas populares da redonda. As parellas e grupos de amigos reducen as súas estancias a unha ou dúas noites, facendo coincidir estas cos fines de semana nos que se presentan celebracións como a próxima Rapa das Bestas. Por outra banda, as familias con nenos manteñen a súa hospedaxe dende as catro ou cinco noites ata un total de dez. O resto do ano a maior afluencia sitúase nas pontes festivas.

Pese a que o que máis se busca é relaxarse e distraerse uns días do traballo, os visitantes aproveitan os días libres para coñecer a zona e tamén o resto de Galicia, «pola situación céntrica da comarca», afirma o vicepresidente da Asociación de Turismo Rural Ouro Verde que integra casas rurais de Deza. A Fervenza do Toxa, o Mosteiro de Carboeiro e os pazos da zona son os monumentos máis visitados. Respecto ao resto da comunidade, as Illas Cíes, as Rías Baixas e a Ribeira Sacra son os lugares que máis triunfan, sobre todo entre os visitantes da costa mediterránea. Ademáis do turismo, as actividades deportivas tamén teñen gran peso entre os gustos dos hóspedes. Sendeirismo, piragüismo e tirolina son os máis elixidos.

Reservas a última hora

A maioría dos encargos en hoteis realízanse a última hora, cunha semana de anticipo como moito, pero para disfrutar das casas rurais a xente vólvese máis previsible, encargando con maior anticipación.

Os prezos para pasar unha xornada tranquila sitúanse entre os 70 euros por día (con aloxamento, spa e almorzo) e os 160 euros, os cales tamén inclúen cea e tratamento corporal. Isto respecto a hoteis. En canto á contratación de casas rurais, podemos pasar unha noite con prezos entre os 25 e os 40 euros por persoa e día, encargando tan só habitación. A encarga de habitacións mantense equitativa á reserva de casa completa, pero a segunda predomina máis entre familias con nenos e grupos de amigos.

No relativo ás previsións para o resto do ano preténdese que a temporada alta se estenda ata o mes de setembro, e que a ocupación se manteña nos fines de semana con parellas, e con xente de negocios durante a semana. Para este verán hai boas previsións en xeral nas casas rurais da zona. Hai máis demanda e algo máis de alegría á hora de viaxar pese a crise.