«O 90 % dos afiliados entenden que esta abstención é un erro»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

miguel souto

Vence apela á loita de militantes, e dende dentro, para recompoñer un «partido fracturado»

25 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A decisión adoptada polos máximos órganos do Partido Socialista de absterse para facilitar a futura investidura de Mariano Rajoy está a suscitar opinións dispares por parte de responsables de agrupacións comarcais, concelleiros e secretarios xerais. Entre as voces que se postulan en contra da abstención están -entre outros- as dos secretarios xerais do PSOE de Lalín e Rodeiro, quenes amosaban a súa fonda decepción a través das redes sociais, ao igual que o tenente alcalde lalinense. Decepción que impregna tamén á militancia, segundo confirma José Vence Deza, home vencellado ao PSOE dende comezos dos anos oitenta e actual secretario xeral do partido en Rodeiro.

-Estou fondamente decepcionado e levo dende o día 30 pedíndolle aos afiliados que non deixen a afiliación que hai que loitar dende dentro para recuperar este partido que agora mesmo non é o meu, o que me representa. Non se produciu ningunha baixa pero se continúa así darase de baixa a agrupación local de Rodeiro e eu tamén. O 80 ou 0 90 % dos afiliados e simpatizantes entenden que esta abstención é un erro. De feito é o erro máis grande que vai cometer o PSOE dende a instauración da democracia. Se esta liña se impón ao PSOE quédalle unha lexislatura, unha baixa tremenda de afiliación e a posterior desaparición do partido. Téñoo claro.

-Píntao moi escuro, ¿pode recompoñerse a situación?

-Vexo recomposición pero non con estas persoas que están. O dano que se lle está facendo ao partido é tremendo e creo que nin sequera eles, os que propugnaron este golpe, non se deron conta do dano que lle fixeron. Que hai solución? Pode habela pero non coa xente que hai agora mesmo.

-Só dous dos once membros galegos do comité votaron en contra da abstención, ¿como o valora?

-Supúxome unha profunda decepción. O que votou a maioría dos membros do comité galego non se corresponde en nada co que pensa a gran maioría da militancia. Non representan aos militantes. Persoalmente penso que Pilar Cancela, unha muller que coñezo dende hai pouco, é a voz dos que representamos a maioría dos militantes. Representa a honradez do que se dixo na campaña electoral.

-Estase a contradicir o que se prometía entón en campaña?

-Totalmente. Tanto os candidatos como os que estamos en agrupacións locais defendemos unha alternativa ao goberno do Partido Popular. Así se dixo. O candidato Pedro Sánchez esforzouse en explicar que non ibamos apoiar ningún goberno do PP aos sermos unha alternativa e resulta incomprensible cunhas persoas, que ata entón non tiñan tanto peso no partido, intentaran virar ou orquestrar a posición do PSOE a nivel xeral. A posición que mantiña Sánchez non defire do que pensa unha gran maioría dos votantes do partido e se se apoiara isto non pasaría.