«Cos poucos veciños que quedan xa exercemos case coma un centro social»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

O establecemento que se abriu no ano 1952 mantense dende entón en funcionamento

04 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O despoboamento paulatino, e cada vez máis acuciante do noso rural, fai que sexan poucas as tabernas-ultramarinos que se manteñen aínda coas súas portas abertas. Un deses casos insólitos de pervivencia malia ao decorrer dos anos é o de Casa Fraga en Feira Nova, na parroquia agolense de Brántega, que continúa atendendo a parroquianos e xente de paso á marxe de ser tamén un bo referente á hora de conversar sobre o divino e o humano. Isabel Castro leva toda a vida ligada a Casa Fraga, da que tomou as rendas hai 33 anos.

-¿Quen fundou esta taberna-ultramarinos?

-Foron meus tíos: Secundino Fraga Vilariño, natural de Cercio (Lalín), e Julia Fernández Busto de Carmoega (Agolada). Abriron a taberna no ano 1952 e aquí seguimos dende entón coas portas abertas, primeiro foron eles quenes se fixeron cargo do establecemento e agora estou eu.

-¿Que motivou a apertura dese negocio?

-Meus tíos ao casaren viñeron a vivir aquí. Naqueles anos celebrábase feira e pensaron en montar un negocio aproveitando o tirón dos días feirados; cousa que fixeron. O primeiro que puxeron a andar, segundo me contaron eles, foi un ultramarinos no local no que se vendía tamén viño. Os caldos parece que llelos mercaban a Higinio de Lalín e tamén tiñan bastante artigos de paquetería que lle suministraba a tenda de Esperanza, tamén de Lalín, e miña tía tamén servía comidas os días de feira. No momento en que desapareceron as feiras o negocio resentiuse un chisco pero continuaron traballando no mesmo ata que o deixaron nas miñas mans.

-¿Pero que motivou o seu asentamento aí en Feira Nova?

-Un pouco por casualidade. Cando tiña catro anos viñen para Feira Nova para a festa, para pasala aquí cos meus tíos, e acabei quedando. Hai que dicir que meus tíos tiveron tres fillos pero morréronlles todos, e eu a raíz da festa da aldea estiven uns días con eles que se foron tornando en anos... Acostumarme aquí non foi fácil xa que eramos nove irmáns, dos que vivimos oito, e nosos pais sempre se preocuparon por nós todos. Sempre digo que eu tiven catro pais: os meus propios e meus tíos e dous pais políticos. Todos foron extraordinarios! Afortunadamente aínda me queda meu pai que ten agora 96 anos.

-Leva 33 anos facéndose cargo de Casa Fraga, ¿que foi mudando co paso dos anos?

-A estructura inicial é exactamente a mesma. Foron facéndose pequenos arranxos pero mantemos a esencia do que era a taberna de antes co seu mostrador que, teño que recoñecer que, canto máis o miro máis me gusta! O que foi cambiando foi a venda e o descenso do volume de clientes polo despoboamente que está sufrindo o rural. Agora mesmo exercemos case como centro social onde se xuntan os poucos veciños que quedan pola contorna. Non hai sitio máis fermoso que Feira Nova! Ten o encanto da aldea, con cruce de estradas, dúas liñas de transporte de viaxeiros a Santiago e a Lalín e aquí chegamos a contar con dúas sastrerías, catro establecementos comerciais diferentes, unha modista -moi boa e gran profesional por certo-, un ferreiro, houbo carnicería, unha cafetería e varios muiños. Eran anos en que a totalidade das casas estaban habitadas e hoxe non hai nada. Só queda a taberna e uns cantos veciños. En dous anos perdemos a moitos veciños benqueridos.

-¿Que atopamos no seu local?

-Artigos variados de alimentación, cousas básicas de paquetería como poden ser calcetins, medias, zapatillas de casa e logo o propio de taberna.