As Dores abre petitorio e convoca hostaleiros

amelia ferreiroa

LALÍN

m. souto

A comisión de festas de Lalín manterá unha reunión co sector da hostalaría local para escoitar as súas necesidades

25 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A comisión de festas de As Dores de Lalín acaba de remitirlle aos hostaleiros da vila unha carta na que os convida a un encontro que se celebrará o próximo día 31 mércores, ás 18 horas na sede da Asociación de Empresarios de Deza, para «escoitar as súas suxerencias, necesidades e opinións» de cara aos festexos patronais do vindeiro mes de setembro.

Unha reunión para a que se confeccionaron 130 cartas, «que se lle fixeron chegar aos responsables de restaurantes, bares e pubs da vila», segundo apuntaron dende a comisión. Os organizadores dos festexos agardan unha resposta masiva «que redundará en beneficio de todos. Queremos esoitar á hostalaría que nos comente cales son as súas necesidades e o que lles gustaría de cara as festas vindeiras».

Petitorio coma o de antes

Á espera da resposta do sector prantexada para a próxima semana, a comisión ten previsto iniciar esta mesma semán o petitorio para os festexos que voltará a celebrarse como «se fixo ao longo de moitos anos». Vivendas particulares, establecementos comerciais e empresas serán visitados co gallo de recibir unha aportación económica para os festexos. «O petitorio ímolo facer nós, os membros da comisión de festas, e sempre nas horas libres que teñamos á marxe dos nosos traballos. Pensamos que o petitorio hai que facelo como se viña facendo de vello e por outra banda se manterá a conta bancaria aberta en Abanca, que é a mesma do ano pasado, para todos aqueles que desexen facer as súas colaboracións económicas directamente alí». A comisión de festas de As Dores continúa por outra banda coa venda de camisetas, «que vai moi ben», e co macro escaparate de premios que se sorteará nas festas. «A venda de rifas e a sinatura nos cartóns que están distribuidos en moitos establecementos da vila vai un chisco lenta por aquelo de que temos tendencia a esperar para o final».