«A transexualidade adulta era un trastorno, e a infantil invisibilizábase»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Coa tamén sexóloga Belén Montesa guiou un taller de expedición á sexualidade feminina

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar de sexualidade é algo que se fai a miúdo. De feito, nunca tanto se falou sobre o sexo pero sin sexo. Son afirmacións da sexóloga e directora de Vencellos Atención Sexolóxica de Compostela Penélope Alonso que estivo en Lalín participando no programa de actos da segunda edición do Cocido do Orgullo, que se está a organizar dende o concello.

-Nunha sociedade que se considera tan progresista e liberal, ¿falar de sexualidade é aínda un tema tabú en pleno século XXI?

-Fálase de sexualidade, fálase moito do uso dos xenitais, das súas dificultades, das obrigas do pracer e de todo o merchandising ao redor desa idea de sexualidade pero non da realidade dos sexos, da convivencia, do cultivo dos valores sexuais. O tabú real do sexo agora mesmo é falar do cultivo dos valores dos sexos.

-¿E nas mulleres?

-O tabú segue a ser sobre o que facemos coa nosa erótica ou o uso que lle damos ao noso corpo. Continúa sendo de opinión pública o que as mulleres facemos ou deixamos de facer, e iso é necesario cambialo. Que as mulleres vivan a súa sexualidade, a súa forma de ser muller, a súa erótica de xeito libre e positivo é o que necesitamos conseguir.

-Dentro dos actos do Cocido do Orgullo onte xunto a Belén Montesa fixeron un taller só para as mulleres. ¿A que atendía esta exclusividade en feminino?

-A exclusividade é algo que nós non puxemos senón que foi unha petición do concello, e aceptamos. Abrir un espazo soamente para mulleres é positivo se nel estamos cómodas e xurde o crecemento persoal.

-Propuñan unha «expedición á sexualidade feminina»...

-Un saír a explorar a sexualidade feminina en todas as súas vertentes, sen meta fixa e sen ruta obrigada senón que cada muller a través das nosas propostas fose atopando a súa propia ruta. Coa sexualidade, e sobre todo a erótica e a amatoria feminina, ocorrre que as mulleres as veces perdémonos no que nos din que «debe de ser» e non atopamos o que realmente desexamos que sexa. Este taller foi para explorar desexos e poñelos en práctica, rachar cos corsés e coas obrigas, cuestionar o modelo sexual que existe e atopar o que realmente nos move.

-Atopámonos nun profundo debate sobre a transexualidade. Como sexóloga, ¿como o ve?

-Como sexóloga o debate non existe. O que se está a facer coa transexualidade é unha valoración moral cando o que habería que facer é promover o coñecemento e entendemento da diversidade sexual. O sexo crea diversidade. Cada persoa que nace é diferente ás demais. Os sexos non son categorías opostas senón realidades dun continuo e polo tanto complementarias. Ao igual que outras características corporais entendemos que poden estar presentes nos dous sexos, os xenitais tamén. É dicir que de cando en vez nacen nenos con vulva e nenas con pene. Iso forma parte da diversidade sexual. Non é unha enfermidade nin un trastorno senón unha expresión máis desa diversidade sexual. A nosa identidade sexual ten que ver coa sexuación cerebral, establecida prenatalmente, e nalgunhas ocasións esa identidade sexual ven asociada a unhas características corporais que socialmente se relacionan co outro sexo.

-¿Que papel xogan os colectivos LGTBI en todo isto?

-Están facendo historia. Levan anos loitando polos dereitos e están traballando na visibilización da diversidade sexual. Ata hai uns anos a transexualidade infantil estaba invisibilizada e a adulta se consideraba trastorno mental. Estamos sendo espectadores dun cambio histórico.