Recuperar as tradicións de antano con música e cantares

amelia ferreiroa

LALÍN

.

Catorce locais de hostalaría lalinense acollerán a segunda edición do festival o próximo día 18 de febreiro

01 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Cantos de Taberna voltarán a encher de música e son os locais de hostalaría de Lalín nunha nova cita que se xesta para o próximo 18 de febreiro, o sábado antes da Feira do Cocido. Un evento que naceu, segundo lembrou dende a organización José Luis Crespo Dobarro, co gallo de «recuperar as nosas tradicións, cantares de toda a vida que non deberan de haberse perdido», e que reunirá na capital dezá por segundo ano consecutivo a grupos chegados dende distintos puntos de Galicia.

En total serán catorce formacións, catro menos que o ano pasado, que animarán a tarde-noite sabatina en outros tantos locais. «Este ano haberá dúas rutas por expresa demanda dos establecementos», puntualizou Crespo. As formacións participantes son Pandereteiras de Vide (As Neves), Searas (Chantada), Muinheiros do Sarela (Santiago), Sons da Mina (Cruces), Xan + Elas (Maside), Faiscas e Biruxes (Boborás), Pandereteiras da Xariza (Parada-Silleda), Escachaferreñas (Ourense), Pandereteiras da Ponte da Prata (Botos-Lalín), Os Amigos de Santiago, Pandereteiras do Irixo, Maruxeiras (Vilatuxe-Lalín), Os Palletas (Quiroga) e Os de Maside percorrerán os locais participantes que se distribuirán en dúas rutas; unha que comezará no JR para continuar polo Alborexa, A de Jácome, Nevada, Galaxia, Galopín, A Tasca, Garota e Currás e outra que percorrerá a Taberna de Matelo, A Mina, A Casa do Gato, Doña Maruja e o Café de Mili.

A actividade, que comezará ás 19 horas e rematará cun folión no Picoteo contra as 23.30 con actuación de dous grupos, homenaxeará a Xosé Iglesias Fernández de Muimenta, «un home ao que dende novo lle tiraron moito as cantigas e os cantos de taberna, que apostou polas tradicións e tocou en grupos de renome de Galicia».