«Estou con ganas pero se xurde un bo proxecto direille adiante»

amelia ferreiroa

LALÍN

. m. souto

Os socios da Coral Polifónica de Lalín están chamados esta noite a unha asemblea na que se falará de proxectos de futuro

31 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A directiva da Coral Polifónica de Lalín, que preside Francisco Sesto, celebrará a partires das 21.30 horas asemblea anual ordinaria no conservatorio. O balance de actividades do pasado ano, os proxectos para o exercicio en curso e as eleccións á directiva centrarán algúns do tema a tratar.

-Fará un resumo da traxectoria da coral ao longo do ano pasado, ¿con signo positivo?

-Creo que foi un ano de moitas actividade. Tivemos intercambios con outras formacións, fixemos a primeira edición do Festival de Outono que nos deixou con ganas de seguir con este tipo de iniciativas, continuamos no eido da formación e celebramos tres cursos, houbo o festival infantil...

-¿Como debuxa a programación para o presente ano?

-Unha das cuestións que queremos facer é volcarnos máis no coro infantil xa que aí está o noso futuro. Tentaremos que teña máis actuacións e que salga fóra. O ano pasado os rapaces estiveron en Tomiño e Meis pero a idea e que teñan máis viaxes ao longo deste ano e tamén conseguir estabilizar o coro respecto do número de integrantes que agora mesmo está en vinte membros.

-¿E na coral polifónica?

-Traballar no festival do próximo 22 de abril, queremos preparar algo para o Día das Letras Galegas, facer novos cursos de técnica vocal con Begoña Lorenzo e outro de formación vocal en marzo con Ramón Bermejo, o director do Corto da Ra, preparar a segunda edición do concerto de outono e levar a cabo intercambios con outras corais.

-Abordarán as eleccións á directiva, ¿pensa seguir?

-Estou con ganas e contento onde estou. Hai bo ambiente e traballo pero se xurde un bo proxecto e alguén quere levar a asociación pois adiante.