O intenso calendario da Coral de Lalín

amelia ferreiroa

LALÍN

. miguel souto

A agrupación prevé actuar en Culleredo e Ponferrada, e antes farao coa Banda de Lalín no Concerto de Fin de Ano

07 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Á Coral Polifónica de Lalín agárdanlle tres concertos no que resta deste mes de decembro á marxe das actuacións que tamén ven desenvolvendo polas parroquias do municipio, dentro do programa de Circuítos Culturais postos en marcha pola Concellería de Cultura do Concello de Lalín. Uns circuítos para os que o presidente da coral Paco Sesto só ten palabras encomiables. «Descentralizar as actuacións do casco urbán é un acerto. É un programa que permite o acercamento da coral, e dos outros grupos do municipio participantes, ao público do rural. Alí onde fomos a acollida foi moi boa e agradecemos a resposta obtida». A Coral Polifónica de Lalín ofreceu concertos en Palmou, Sello, Santiso, Gresande, Santiso «e resta Maceira a onde pensamos levar tamén ao Coro Luis Areán, para que se coñeza tamén nas parroquias, xa que é a última actuación que nos resta dentro destes circuítos».

Concertos no Círculo de Recreo de Lalín, no Centro Comercial Pontiñas e no Auditorio Municipal son outras das citas fixadas no calendario para este mes. O primeiro será o próximo día 18 ás seis da tarde para catro días despois, o 22 actuar no Pontiñas e o 30 tomar parte no Concerto de Fin de Ano xunto coa Banda de Música de Lalín. Coa chegada dos primeiros días de xaneiro levaranse a cabo dúas visitas-concerto ás residencias de maiores da vila. «Son citas obrigatorias pola carga emocional que supoñen para os residentes e para nós». E nos vindeiros obxectivos da coral está continuar coa formación, «é a clave de todo e hai que seguir formándose sempre», e tamén actuar en Culleredo e Ponferrada. «Claro que xa estamos tamén preparando o noso festival de abril, para as Letras Galegas ao mellor tamén facemos algo especial e queremos volcarnos co coro dos nenos con actividades e mesmo prantexamos algúns concertos conxuntos». Actividade frenética para una agrupación coral que cumpriu cinco anos de vida; «algo que nos aporta cada vez máis seguridade e estamos a recoller os froitos de todos estos anos de traballo». Proba delo é un repertorio cada vez máis amplo «no que xa nos atrevemos mesmos con partituras en inglés e para o Concerto de Fin de Ano poderiamos cantar algunha».