«Fomos unha xeración de músicos que tivemos que facernos a nós mesmos»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Con Marina Oural imparte hoxe un taller en Lalín, «terras que amo profundamente»

27 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Resumir en poucas liñas a traxectoria profesional de Ugía Pedreira resulta unha tarefa extremadamente complicada. Cantante, compositora, escritora, poeta e investigadora -que como directora da Central Folque que foi viaxou a Cuba para abrir unha liña de investigación da música galega xunto co Instituto das Artes Cubano e o goberno bipartito da Xunta-, e sacou á luz varios discos. Así é esta lucense que da súa infancia pasada en Foz atesoura momentos da nenez cantando coa súa nai.

-O meu interese polo canto xurdiu dende pequecha coa miña nai e logo na necesidade de compoñer cancións supoño que para salvarme a vida e atopar luz en duros momentos. Seguir o talento que ten cada persoa debera ser unha asignatura obrigatoria. A música folque, non sei, a música popular estaba aí e fun bebéndoa conscente e inconscentemente na casa, nas tabernas, na Mariña e logo xa en todo o vivido na Galiza.

-Voltará a atoparse hoxe cun público coñecido, o de Lalín, nun taller de voz e movemento xunto a Marina Oural en Liñares.

-É un espazo de xogo, de coñecemento dun mesmo a través da experimentación do corpo e voz con dinámicas que teñen que ver con valores fundamentais para a comunicación e o relacionamento entre persoas. Ninguén se pode librar de relacionarse con outro e aí entran moitas variables das que podemos ser cada vez máis conscentes, empáticos, tolerantes.

-¿Como naceu ese proxecto?

-Naceu dende a nosa Oficina Galega doutros Asuntos do Movemento para preguntarnos e explorar a diversidade e as capacidades de cada un sen ser enxuizadas. A través da improvisación poñemos en marcha o noso sistema parasimpático e deixamos a un lado o control e a analise que nos impiden sentir abertamente e dándonos o permiso de espallar todas as emocións como válidas, pois todas nos propoñen información de quen somos.

-Dicía que se volta a atopar cun público e cunha vila coñecida como é Lalín xa que aquí puxo en marcha o Conservatorio de Música Tradicional e Folque. ¿Que supuxo aquela iniciativa?

-Amo profundamente as terras lalinenses porque aí me formei como docente, din os primeiros pasos políticos e coñecin a xente moi querida. Para min o Conservatorio de Música Tradicional e Folque foi un soño, unha viaxe de alto nivel de onde sairon discos, artistas en palco, ideas, era un viveiro real e foi, e é unha alegría ver aínda hoxe como medraron esas sementes e expándense. Non teño máis que agradecementos para esa época da miña vida.

-¿Comezou aí unha etapa na que agromou con forza o folque?

-Nos anos 90, inicios do 2000, eramos unha xeración de músicos que tivemos que facernos a nós mesmos. Estaba o Conservatorio de Música Tradicional de Vigo e pouco máis. Nós selamos a palabra folque, con terminación «que», o termo empregado era folk ou folc. Agora xa callou. Entre os que estabamos traballando en Lalín unimos paixón, intelixencia, forza, amor pola música do pobo e puxémonos as pilas para ser profesores e alumnos á vez. A música folque deste pobo galego ten unha raiz moi forte e está por todas partes: nas asociacións folclóricas, nas aldeas, vilas e cidades. Hai focos de acción folque que manteñen viva a esencia. Actualmente é a técnica que desdibuxa as veces a paixón da música tradicional ou mesmo a sociedade de confort que convirte a sonoridade en indie, lineal e desprovista -como me dicía Henrique Peón outro día da ornamentación antiga-. Cambiou todo moito para diferente e non en todo caso.

Conservatorio Folque en Lalín. Referente conceptual para a música tradicional na península, con alumnos chegados ás aulas dende Portugal, Asturias e Galicia.

Discografía. Comezou a traxectoria escénica con Chouteira, logo chegaría Marful, proxecto con Nacho Muñoz e bandas sonoras.

«Traballamos e investigamos sobre diversidade artística e funcional»

O nacemento de Lua Awel Rougier Pedreira con paralise cerebral no 2013 fixo que Ugía Pedreira decidise deixar os escenarios convencionais e a dirección da Central Folque. Dende entón constrúe con Marina Oural Villapol a Oficina Galega de outros Asuntos do Movimento para traballar e investigar sobre diversidade artística e funcional.

-A Central Folque continúa con novos proxectos de masterclass, edicións de libros interesantísimos, apoio a xoves artistas como Alba María,... A vida con Lua é de alta esixencia porque ten paralise cerebral e relaciónase fundamentalmente a través da música. Esa é a miña profesional máis difícil, de alta montaña. Con Pierrot Rougier, o meu compañeiro de vida e música, abrimos un coro aquí onde vivimos no precioso pobiño mariñeiro de Rinlo. Na casa indiana da Escola Vella ensaiamos con 40 persoas vindas de distintos puntos da costa e occidente de Asturias. Este coro cántalle fundamentalmente ao mar, sexa no idioma que sexa, e a xente que participa non ten porqué saber cantar. Só hai que ter ganas, aprender nova vida a través da música.

-¿En que novos proxectos está a traballar?

-Coa miña parceira e socia Marina Oural seguimos coa Oficina Galega doutros Asuntos de Movemento interesadas na diversidade funcional e artística e sobre iso traballamos, e os xoves dou aulas de pandeireta un tanto especiais pois adicámonos a aprender este instrumento e outros percutivos por medio da creatividade de cada alumna, eu mesma. Composición de novas coplas, investigación de novos sons para o instrumento e improvisacións nesta escola que nos acolle e nos acola. E namais e nada menos que Lua ten moita forza e ganas de xogar diaramente.