A Asociación Soncello, en cuxa directiva está o músico silledense Millán Abeledo, celebrará xuntanza o día 13 en Lalín
09 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de xuntarse en Vigo, Ferrol, A Coruña, Santiago e Pontevedra a Asociación de Violonchelistas de Galicia (Soncello), fundada en 2012 e que conta cun cento de socios, escolleu a capital dezá para manter o seu quinto encontro, que se desenvolverá no Conservatorio Profesional de Lalín o vindeiro domingo.
-A xuntanza durará todo o día e estamos intentando ir «conquistando» diferentes lugares de Galicia. Queriamos vir ao interior e aínda que eu son de Silleda estudei no conservatorio lalinense, outros socios tamén o fixeron aí, e a verdade é que só nos brindaron facilidades para facer en Lalín a quinta xuntanza. Quero agradecerlle especialmente a Benxa Otero a súa disponibilidade e colaboración para con nós.
-¿Que os levou a crear a Asociación Soncello?
-A asociación naceu para divulgar este instrumento e a cultura que o rodea, é o que nos move. Salientar que foi unha asociación pioneira en España ao non haber ningunha cinco anos atrás, a partires de aí xa nos copiaron e xurdiron máis colectivos.
-¿Cales son os obxectivos de Soncello?
-O poder xuntarnos, tocar pezas, programar xuntanzas coma a do vindeiro domingo... e mesmo se creou un cuarteto que non había aquí.
-Falaba de divulgar ese instrumento, ¿é aínda un tanto descoñecido?
-Ao igual que a música clásica segue habendo un pouco a idea de que é elitista e só para algúns. Queremos que se saiba que se poden facer cousas interesantes e que a música clásica pode ser disfrutada por todo o mundo e que non hai que ser un erudito nen ter coñecementos musicais para disfrutala.
-¿Como se estructurará esta xuntanza?
-Comezaremos ás 11.30 da mañán cunha charla-concerto que ofrecerán Guillermo Turina (Madrid) y Ester Domingo (Zaragoza), especialistas en barroco. Logo presentaremos a nova web da asociación que acabamos de actualizar e, antes de ir a comer un cocido, acturá o grupo de chelos do conservatorio de A Coruña. Pola tarde haberá un concerto de Saúl Nogareda de Culleredo, dentro de apartado de xóvenes intérpretes que sempre contemplamos nas xuntanzas, para dar paso a Mila García e Olalla González que falarán da metodoloxía suzuki no chelo. Remateremos a xuntanza cun concerto de Soncello Ensemble e a Orquestra de Violonchelos, formada cos participantes nos diferentes concertos.
-¿Cantos músicos se darán cita en Lalín?
-A verdade é que é difícil de calcular. Para xantar somos trinta os anotados e logo para estar na xuntanza podemos estar corenta ou cincoenta. Todos os que queiran asistir serán benvidos e engadir que a totalidade das actividades son de acceso libre para quen esté interesado.