Un éxito de todos

Rafael Cuíña ALCALDE DE LALÍN

LALÍN

M. S.

09 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise económica que tanto bateu no Concello de Lalín nos últimos dez anos, foi unha demostración da necesidade estrutural que tiña o noso Concello, de ter unhas bases sólidas nas que asentarse, para poder ter alternativas a ese averno económico que padecimos, e que segue a dar coletazos dolorosos, que continúan sufrindo moitos veciños e veciñas.

É responsabilidade dun goberno como o municipal, contribuír a que isto non volva a acontecer, planificando e desenvolvendo políticas que poidan ser follas de ruta claras e precisas, para as próximas décadas. Isto hoxe, está máis máis preto de ser unha realidade, grazas ao histórico éxito da consecución de cinco millóns de euros por parte do Concello de Lalín, do «Plan de Estratexias de Desarrollo Urbano Sostenible».

A transformación que sufrirá Lalín nos próximos anos con estes fondos será multidisciplinar, pois serán beneficiados diversos sectores que provocarán unha sinerxia positiva en todos os demais. Parroquias como Donramiro e Lalín de Arriba, poderán falar de un antes e un despois na súa Historia, grazas á inxente cantidade de recursos económicos que se van empregar en zonas claves delas. Pero ademais outras como Goiás, Xaxán ou Filgueira, verán como a súa fisionomía irá variando en poucos anos, para beneficio e mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas. Con todo, a clave é que o goberno de Lalín nos próximos anos disporá de moitos máis recursos para o rural, pois xa non existirá necesidade de reparto con outras infraestruturas necesarias no núcleo urbano, pois estas están garantidas xa cos fondos europeos.

Intento neste artigo empregar unha linguaxe sinxela, afastada de criterios técnicos e burocracia inintelixible, para que os veciños sexan conscientes do éxito que supón para todos poder acceder a becas, axudas directas a PEMES, recuperar o vello Manuel Rivero para que pase a ser un centro social e albergue de peregrinos que faga de Lalín un centro neurálxico de atracción dos camiños de Santiago, que se poidan destinar centos de miles de euros para conciliación familiar, que axuden a asentar poboación e afastarnos do risco de perder a categoría de 20.000 habitantes, ou que poidamos apoiar aos emprendedores, co chamado «Plan Talento».

O comercio local será dos grandes beneficiados dunha aposta pola innovación e o marketing -con 350.000 euros de investimento-, que faga que dende dentro, pero sobre todo dende fóra, o comercio de Lalín sexa referencia en competitividade e calidade, en pé de igualdade con outras Vilas que seguramente sen estar á nosa altura, venden mellor as bondades do seu produto.

O impacto no emprego está calculado en máis de 400 novos postos de traballo, que axudarán a paliar en grande parte o problema que máis preocupa aos lalinenses, que é o desemprego.

Lalín converterase nunha vila de futuro, coas características propias dunha Smart City, nas que os espazos urbanos serán dos peóns, na que a accesibilidade para as persoas con dificultades físicas formarán parte do pasado, e na que os seus «cintos verdes», interconectados coa obra máis importante da Historia de Lalín como é o paseo do Pontiñas, fará que a calidade de vida de veciños e veciñas aumente exponencialmente.

Parabéns, queridos veciños, o éxito é de todos e todas vós.