Veciños de A Cacharela entrega 1.040 euros a Aspadeza, Morea, Cáritas e O Mencer

amelia ferreiroa

LALÍN

. m. souto

O reparto xurde do remanente da festa do San Xoán, feita dende o colectivo, que agarda o arranxo do calexón

21 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Veciños de A Cacharela (Lalín) fixo entrega na tarde de onte de axudas por importe de 1.040 euros a asociacións que operan no municipio despois de pechar todas as contas da pasada edición do San Xoán, que se celebrou no barrio lalinense no mes de xuño. As asociacións Aspadeza, Morea, O Mencer e Cáritas foron as destinatarias de talóns individuais por importe de 260 euros que empregarán os colectivos no desenvolvemento das súas actividades cotiás. As axudas entregadas son resultantes dos remanentes do festexo. «Despois de pecharmos todas as contas das festas do San Xoán o que nos queda vai destinado a causas benéficas: a asociacións que traballan aquí, e as beneficiadas nesta ocasión son as mesmas que o ano pasado», segundo transmitiu a directiva. O colectivo veciñal cobraba 6 euros, aos adultos, pola reserva de mesa e silla para o San Xoán e unha cantidade inferior para os cativos e «co que xuntamos, tanto en concepto de reserva de prazas como doazóns particulares, e unha vez pagados os gastos da festa o que sobrou é o que lles demos a estas asociacións. É o que se ven facendo anualmente e a intención é continuar con esta iniciativa solidaria».

Por outra banda a Asociación de Veciños de A Cacharela continúa agardando a execución da obra do calexón que comunica a Avenida Bos Aires coa Rúa Rosalía de Castro. «Íase facer en abril ou maio cando estivera bo tempo pero seguimos esperando pola execución dun proxecto que se remonta a tres anos atrás». A asociación entende que se trata dunhas obras prioritarias. «As arquetas de ferro que hai son moi perigosas e habería que remodelar o pavimento e aumentar os peldaños».