Adeus amigo Tucho

José Crespo

LALÍN

02 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Afamilia popular está de loito. Esta semana deixóunos Antonio «Tucho» Garra Pallares, un histórico do noso partido que deixou unha importante pegada nos inicios da nosa formación política e que foi capaz de deixar a súa impronta persoal entendendo a política como un xeito de buscar o mellor para o pobo.

Nos albores da democracia apostou por Manuel Fraga, fundador naquel tempo da Alianza Popular que máis tarde se converteu nun dos partidos máis importantes do Estado español, o Partido Popular. Naqueles comezos da democracia, Tucho Garra e un grupo de lalinenses entre os que estaban Natalio «Campaneiro», Luis Isla, Pepe de Goiás, Amadeo Rodríguez, Francisco Sampayo e capitaneados por Alfonso da «Meiriña» propiciaron o nacemento de Alianza Popular en Lalín.

Nun momento no que non era precisamente doado, ese xérmolo que Tucho, Meiriña e compañía coidaron e fixeron agromar en Lalín valeu para que Manuel Fraga tivese acubillo en Lalín. Máis tarde, coa fichaxe de Pepe Cuíña, e xa AP convertida en Partido Popular, alcanzáronse as máis alta cotas de protagonismo político no Concello, na Deputación, nas Autonomías e mesmo no Estado.

Coñecín a Tucho Garra cando cheguei á corporación no ano 87. Era un home activo, traballador e, sobre todo e por enriba de todo, boa persoa. Tiña unha virtude que non é moi habitual en política, a de que sempre che dicía o que pensaba á cara. Tucho pasou por esta vida tentando facer as cousas o mellor posible para o seu pobo, sempre defendendo aquelo que el entendía que era bo para Lalín.

A miña relación con el, dende que o coñecín, sempre foi de amizade ao ter amigos comúns que nos permitían estar xuntos nalgúns encontros. Encontros dos que xurdiron multitude de anécdotas que hoxe me volven á cabeza e que me serven para recordar con agarimo a quen é peza importante na historia política e social de Lalín polas súas gañas de que os demais tiveran o mellor pobo posible.

Descansa en paz amigo Tucho e que alá onde estes sigas tendo entre as túas inquedanzas o mellor para todos os demais.