«A substitución deunos un respiro»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

María Rosa Fernández, gandeira lalinense, leva dende o comezo acolléndose ao servizo que foi pioneiro en Lalín, no ano 2008

31 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Fora unha iniciativa pioneira por aquel entón e mesmo suscitara algunha reticencia inicial por parte dalgúns gandeiros ante o temor de deixar os animais en mans axeas ás habituais. O servizo de substitución agraria é, na actualidade, unha ferramenta usada e valorada axeitadamente polo sector e que tivo o seu xerme na cooperativa de segundo grao Xuncoga de Lalín. Constituída no mes de abril do ano 1999, está formada por sete cooperativas de primeiro grao que en total veñen a sumar uns mil asociados. Xuncoga, que nestes momentos se adica básicamente á fabricación de mesturas para a alimentación animal -sobre todo o gando vacún-, foi pioneira na posta en marcha en colaboración co Concello de Lalín dun servizo de substitución agraria. Un servizo que naceu a finais do ano 2008 e que se foi espallando paulatinamente e suscitando demanda entre os gandeiros. María Rosa Fernández González, titular de Gandeiría Pérez (Chares-Lalín), ven botando man de dito servizo dende a súa posta en funcionamento.

-¿Cales foron os motivos que a levaron a pedir o servizo?

-Houbo un chisco de todo. Uns días foi por enfermidade, para poder asistir a algún acontecemento familiar, para poder disfrutar dunha fin de semana completa e tamén cando son as festas aquí na aldea, así só me centro en facelas e non teño que estar pendente tamén das vacas. Poñer en marcha o servizo foi un gran acerto xa que nos deu un respiro. Antes non podías coller un día, a menos que tiveras unha persoa traballando na granxa ou lle pagaras a alguén para que viñera e, ao mellor tampouco atopas o que buscas!

-¿Cantas cabezas de gando posúe na actualidade?

-Un cento de cabezas e cincoenta en muxido.

-¿Atende a granxa vostede soa?

-Eu son quen a levo aínda que o meu home, que traballa fóra, ao chegar bota unha man e os fillos tamén, cando están na casa. Bueno, a verdade é que me chega moito! Por iso é tan positivo o servizo de substitución e os operarios que veñen son unha auténtica marabilla, uns grandes profesionais. A verdade é que te quedas tranquila e sabes que os animais estarán ben atendidos. Antes de que houbese isto da substitución e querías ir a algún sitio tiñas que deixar todo preparado e vir á hora, aínda que fose sen o café, para darlle de comer ás vacas ou muxir. Non sabes o alivio que foi para os gandeiros o poder ter un día libre. Pensa que as vacas precisan de atención os 365 días do ano e este noso traballo está moi pouco valorado e mesmo desprezado.

-¿Pensou en ampliar plantilla?

-Claro que o pensei, máis dunha vez. Xa nos gustaría poder facelo pero a situación agora mesmo non o fai posible. Non podemos permitirnos contar cun empregado. A granxa ten uns gastos moi elevados e fixos e o prezo do leite non alcanza para mantela. Grazas que o meu home traballa fóra como che dixen e imos equilibrando a cousa.

-A cotío se fala do prezo do leite e da súa baixada estrepitosa. ¿Onde quedan aqueles cincoenta centímos por litro?

-Moi lonxe. Pensa que na actualidade o litro estase a pagar a 18, 20 ou 25 céntimos -como nos están pagando a nós actualmente--e o penso está entre os 30 ou os 31 céntimos. Non fai falla decir nada máis. Non se cubren os gastos de aí que non se poida pensar en contratar a ninguén. Hai que tirar co que hai.

-Comentaba cunha gandeiría conta cunha serie de gastos fixos. Á marxe da alimentación e servizos veterinarios, ¿en que máis se desembolsa?

-Vaia por diante que todos animais, as vacas neste caso concreto, precisan como se sabe de coidados diarios. A limpeza de uñas hai que facerlla unhas dúas veces ao ano, hai que gastar en desparasitación, todos os días é preciso desinfectar as ubre e as patas cada oito ou dez días, nunhas bañeiras específicas. A todo isto hai que lle sumar todos os meses as revisións de reproducción, que fai o veterinario, para ver como están os animais. O gasto mensual dunha explotación é moi elevado!.

Descontos para os gandeiros lalinenses. As gandeirías do municipio, que pidan o servizo de substitución, contan cun desconto de 22 euros diarios ata un límite de 30 días ao ano. Parroquias coma Goiás, Soutolongo, Sello, Vilatuxe e A Veiga concentran tamén un importante volume de peticións de traballo.

«A demanda concéntrase máis no verán pola cifra de eventos que hai»

Os gandeiros que queren facer uso do servizo de substitución teñen que anotarse nun calendario de reservas que se leva dende as oficinas de Xuncoga, pedindo aqueles días que precisan. Serán posteriormente os axentes de substitución os que se porán en contacto cos gandeiros interesados, uns días antes das datas que previamente solicitaron, para concretar horarios.

-¿Que fan os axentes de substitución?

-Normalmente fan alomenos un ordeño con nós, con quen pide o servizo, e así podemos explicarlles como facemos o manexo e logo xa se encargan eles de todo. Van a atender a explotación eles sós os días en que o titular da mesma non esté. Non hai problema ningún con eles. Son quenes de manexar perfectamente a granxa.

-¿Os meses do verán son os de máis demanda?

-É cando hai máis eventos e é cando se concentra máis a demanda: xullo, agosto e a primeira quincena de setembro sempre están a tope.

-O servizo está copado neses meses. Non hai fin de semana libre e mesmo restan días contados pola semán. ¿Na súa zona existe moita demanda?

-Hai de todo coma en todos os sitios. Aquí por Cercio e na contorna; nas parroquias de Palmou, Cangas, Palio, Rodis, Fontecabalos hai bastante xente adherida ao servizo. É importante subliñar que falamos do verán pero funciona todo o ano pero a demanda é maior nestes meses. Agora mesmo creo que están traballando dous axentes de substitución e hai outro de apoio para as fins de semana para dar atendido a todas as solicitudes cursadas.

-¿Como máximo cantos días pode pedir?

-O tope que podemos pedir son trinta días.