Duplican a iluminación da rúa B de Lalín coa substitución de luminarias

A. Manso, j. b. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

O custe dos traballos ascende a 12.600 euros

29 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Lalín rematou onte as labores de substitución de vintecatro puntos de luz na rúa B, un cambio que permitirá mellorar a calidade ademais de duplicar a luz nesa zona, respondendo así a unha vella demanda da veciñanza que levaba moitos anos reclamando melloras no alumeado público.

O edil de Obras, Francisco Vilariño, visitou onte a rúa acompañado da concelleira de Medio Ambientem, Celia Alonso, que lembrou que «con esta modificación, o goberno reducirá a contaminación lumínica e acadará un aforro superior ao 50 % nos custes de mantemento e enerxía e unha redución da potencia eléctrica superior ao 20 %.» O novo sistema de luminarias ademais de ser máis respectuosas co medio ambiente, que implica unha rebaixa anual de CO2 en torno a 0,60 toneladas métricas per cápita, permitirá unha mellor iluminación.

Esta mellora é debida a que as novas luminarias permitirán a adecuación do fluxo luminoso en cada momento da noite, reducindo así a súa intensidade nas horas de menos tránsito pero sen afectar de ningunha maneira á seguridade dos usuarios, e, ao mesmo tempo, cumprindo cos requirimentos lumínicos esixidos pola regulamentación. Deste modo, obterase un aforro enerxético en torno a un 40 % nas horas de nula actividade nas rúas, pero iso sí, mantendo sempre a uniformidade da iluminación en toda a zona e incrementándoa.

O goberno investiu 12.600 euros neste cambio, aínda que cos aforros previstos a iniciativa terá un retorno do investimento inferior a cinco anos. O seu deseño aerodinámico, apórtalle unha mínima superficie de resistencia ao aire. Conta tamén cunha excelente disipación térmica o que fai que non precise unha limpeza continúa. Os custes de mantemento tamén se verán reducidos gracias a unha vida útil da tecnoloxía LED de 100.000 horas.