«As xornadas céntranse en abordar proxectos para avanzar»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O Pazo de Liñares acolleu obradoiros sobre participación, empoderamento e conciliación feminina

29 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego elixiu o Pazo de Liñares, en Lalín, para celebrar o pasado venres unha xornada formativa que baixo o título de «Proxectos para o bo trato. Traballando xuntas para avanzar». Un acto que reuniu a un grupo de mulleres do sindicato que tomaron parte ao longo de toda a xornada nun par de obradoiros. Ao fronte estaba a responsable da Secretaría das Mulleres do SLG María Ferreiro.

-¿As xornadas rótanse por distintas localidades galegas?

-É un xeito de ir coñecendo distintas zonas, as realidades en cada unha delas e tamén ollar o rico patrimonio galego que posuimos como é o caso desta pazo. A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego xa leva facendo un encontro anual dende fai doce anos no que nos xuntamos entre 110 e 130 mulleres de todos os sitios e onde se prantexan demandas e temas a traballar. Un dos asuntos que sempre sae a colación neses encontros é a necesidade que temos de seguir formándonos como mulleres. Son tempos difíciles os que vivimos cunha desigualdade cada vez máis grande, violencia de xénero...

-¿Que cuestións abordaron?

-Non foi a típica xornada de falar senón que se prantexou como un obradoiro con dúas partes: unha na que abordamos o noso crecemento como mulleres e unha segunda respecto dos pasos para avanzar nos nosos dereitos. Digamos que as xornadas céntranse en abordar proxectos para avanzar.

-¿Cales son os principais eixos reivindicativos?

-Existen varios. Conciliar que é unha dificultade engadida que temos as labregas, pola dobre xornada que temos as mulleres. Logo está o das cotizacións: as mulleres temos unha media dun 33 % menos nas nosas pensións, e no que atinxe á titularidade das explotacións agrarias existe unha lei dende 2011 que se chama lei de titularidade compartida pero naceu coxa. Só se tramitaron 200 solicitudes en cuatro anos. Está claro que algo falla.

maría ferreiro responsable da secretaría das mulleres do slg