Lalín, con Victorino Gutiérrez

La Voz

LALÍN

22 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Algo moi especial e agradable nos tocou estes días ás persoas que fomos convocadas a formar parte da Comisión de Honras e Distincións: mergullarnos no labor profesional e na peripecia vital dun home nado en Lalín e que sempre leva Lalín consigo, a quen o goberno municipal vai propoñer para que sexa nomeado fillo predilecto. Estamos a falar de Victorino Gutiérrez Aller, que foi notario de Lalín durante algo mais de 25 anos. Nós, como a práctica totalidade dos veciños e veciñas, coñecemos e aprezamos a Victorino. Non obstante, ter que enfrontarnos a unha valoración dos seus merecementos fixo que descubriramos moitos aspectos do seu traballo da súa persoa que nos pareceron novidosos. Falar do eido máis persoal e íntimo de Victorino resultounos moi difícil por ser un home auténtico, sen dobreces, franco no seu pensar e nas súas actuacións e cun enorme cariño e compromiso con Lalín.

A moitos e moitas aínda se nos fai estraño dicir «Victorino» para referirnos a alguén a quen sempre coñecemos como «Coco». Porque desde sempre «o notario don Victorino» preferiu ser simplemente «Coco», deixando a un lado as formalidades e amosando ese trato sincero e afable; un trato que apreciamos ben os que o coñecemos de tempo atrás, pero que seguramente lles sorprendía a moitos veciños cando acudían á notaría. Atopaban un home sinxelo, nada pretensioso, comprensivo e disposto a resolver as dúbidas e problemas da xente cunha actitude que a moitos chocaba polo seu achegamento e a súa vontade sincera por axudar. Con el era todo máis doado, pois a xente xa non se dirixía a un funcionario, senón a un servidor público a quen lle podían falar con confianza e sen ter que cambiar ao castelán, como era costume, ou, máis ben, sutil imposición.

Criado na vila de Lalín, onde pasou a meirande parte da súa vida, Coco sempre tivo e ten un grande apego e amor polo seu concello e pola súa xente, algo que sempre demostrou tanto no ámbito da súa profesión coma en calquera das facetas da súa vida diaria. Puido concursar para notarías de grandes cidades, que de seguro lle reportarían maiores ingresos, pero exerceu en Lalín porque quería vivir na súa vila. Home comprometido e solidario, ninguén deixou de ser atendido na súa notaría por non poder pagar os honorarios. Numerosas foron as tramitacións cuxa única forma de pagamento foi o agradecemento. Moitos poderían ser testemuñas ao respecto. A xente en Lalín sempre o viu como unha persoa coa que se podía contar. Son moitas as achegas que fixo tanto no eido xurídico coma na defensa da lingua galega, no cultural, social e veciñal, e por iso tamén ten recibido o recoñecemento de diversas entidades xurídicas galegas.

Conversador brillante, polemista de conviccións firmes, librepensador ás veces exaltado na defensa das súas crenzas, pero sen adoutrinar e respectando ao discrepante. Coco sempre foi un home de amplos horizontes que soubo rodearse de xente de esquerdas e de dereitas, falar con galeguistas e con españolistas, e simpatizar cos que non pensan coma el. Como é obvio, ten as súas preferencias e opinións, pero sempre está aberto a un debate enriquecedor. Por todo iso é polo que o Concello de Lalín iniciou un expediente para propoñer o seu nomeamento como fillo predilecto deste Concello. Para as persoas que estas semanas estivemos revisando o seu historial e os seus méritos, queda abondo acreditado que a súa persoa é máis que merecedora deste nomeamento. Pero tamén é un sentir unánime dos compoñentes desta Comisión a necesidade de facer un chamamento e convite aos veciños e veciñas de Lalín, ás asociación de toda índole, aos grupos políticos e a todos os membros da corporación municipal, para que participen e aporten a súa valoración da figura de Victorino Gutiérrez Aller desde a súa visión e desde as súas posicións políticas, porque sabemos que contribuirá a enriquecer os méritos do noso homenaxeado.

Cremos que é necesario facer partícipe a toda a cidadanía deste nomeamento. Porque deste xeito estariamos expresando mellor o sentir de todas e todos, moito máis ca cunha simple votación nun pleno. Pensamos que o nomeamento de Victorino Gutiérrez como fillo predilecto do noso Concello merece o recoñecemento unánime e sen paliativos de toda a veciñanza e de todos os grupos políticos da corporación municipal; e, dado que a persoa o merece, ninguén se pode desligar do nomeamento deste fillo predilecto, por iso cómpre que teña a maior proxección posible, para que todos coñezan e espallen o que significa este veciño, un veciño que xa é ilustre para todos e todas pero que debería ser predilecto para a totalidade das persoas que conformamos Lalín. Por iso reiteramos o chamamento a todos os lalinenses sen distinción, para que participen deste nomeamento aportando a esta comisión o que estimen oportuno, e para que asistan ao Pleno do próximo xoves 26 de maio no se que vai aprobar este nomeamento.

Mª Carmen Santos, Luis Nistal e Manuel Igrexas, integrantes da Comisión de Honras e Distincións.