A asociación veciñal de A Cacharela programa a segunda Xuntanza do Socio

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Máis de corenta socios asistiron o ano pasado ao xantar.
Máis de corenta socios asistiron o ano pasado ao xantar. miguel souto

O xantar campestre, que está fixado para o 28 de maio na Finca do Lamego, contará con gaiteiros e xogos para os cativos

21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Veciños de A Cacharela (Lalín) ten previsto celebrar o vindeiro sábado a segunda xuntanza do socio; que tan boa aceptación tivo o ano pasado por parte dos asociados, segundo constataron dende a xunta directiva.

Un xantar campestre que non mudará de ubicación, e volta a ter como sitio de convocatoria a Finca do Lamego (ao carón da casa de Navaza), e ao que poderán asistir todos os socios do colectivo. Asociados que deberán de levar, eso sí, cada quen a súa comida, mesa e cadeiras, sempre que o precisen ao non dispoñer a organización de taboleiros e bancos para todos os posibles comensais que se acheguen.

O programa de confraternización da veciñanza deste barrio lalinense comezará cun pasarrúas a cargo do grupo de gaiteiros de Cercio, que discurrirá dende a oficina do Banco Santander ata a gasolineira de Campos, e pola tarde os cativos que asistan ao ágape poderán disfrutar de varias actividades de lecer como xogos que dirixirá Luchi.

Á primeira edición da Xuntanza do Socio de A Cacharela asistiron o ano pasado máis de 40 asociados. Unha cifra que se prevé superar neste segundo encontro nun xantar que se aproveitará, ao igual que o pasado exercicio, para abordar cuestións vencelladas ao funcionamento do colectivo veciñal que conta na actualidade con máis de cen socios.

Un xantar anual de confraternidade de socios que se suma a outros actos puntuais organizados dende a asociación como son as celebracións do Antroido e do San Xoán.

O San Xoán máis multitudinario, posiblemente, por ser festivo o 24

A Xuntanza do Socio de A Cacharela do vindeiro 28 de maio servirá tamén para comezar a coordinar os traballos organizativos do San Xoán, do 23 de xuño. Unha celebración que, a xuizo do colectivo lalinense, puidera ser das máis concurridas de todas as celebradas ata a data. O motivo hai que buscalo no feito de que o 24 de xuño é festivo autonómico. «A verdade é que pensamos que se nos van desbordar todas as previsións de asistencia respecto de edicións anteriores». Unha noite de San Xoán, á do pasado ano, que reuniu a máis de 500 persoas «e que este ano posiblemente sexan bastantes máis. Para nós o San Xoán é o noso acto máis multitudinario, pero o máis sentimental segue sendo o Antroido». Para a ocasión o colectivo solicitou do concello o corte ao tráfico da rúa Bos Aires onde se celebrará a cea e a actuación de Pachi.