«Tentamos que os nenos valoren a súa situación de benestar»

amelia ferreiroa

LALÍN

O xove saharaui departindo con rapaces de Prado
O xove saharaui departindo con rapaces de Prado . m. souto< / span>

Abdel Kudus, xove saharaui que estuda en Galicia, colabora con Sogaps en achegar a realidade do seu pobo aos alumnos

29 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Colexio Manuel Rivero (Lalín), Ceip de Piloño e María Inmaculada (Silleda) ?A oenegé Solidariedade Galega co Pobo Saharaui está desenvolvendo por mor da celebración do Día da Paz carreiras solidarias polos centros educativos e charlas sobre a problemática do pobo saharaui. Onte tocoulle aos centros de Prado e Vilatuxe e, de seguido, estarán no Manuel Rivero, en Piloño e no María Inmaculada. Abdel Kudus é quen lle conta aos rapaces a realidade do seu pobo.

-Chegou a Galicia con sete anos e agora, con vintecinco anos, decidiu vir a estudar aquí.

Cheguei a Galicia a través do Programa Vacacións en Paz. Estiven cunha familia de acollida coa que manteño unha relación na actualidade e cando se me presentou a oportunidade de vir a estudar aquí non o pensei dúas veces.

-¿Que supuxo ese programa na súa vida?

Moito. Puiden aprender dúas linguas (fala perfectamente castelán e galego), coñecer outro mundo, outras costumes e outro xeito de vivir.

-Os nenos dos colexios que visita, ¿fálalle dunha realidade que lle tocou vivir de preto?

Unha realidade que coñezo. O que aquí é algo cotidiano para un neno saharaui é totalmente impensable. Pensemos na auga que sae dunha billa ou unha cama. E é unha realidade que está preto de nós, a só media hora das illas Canarias. Tentamos pois nestas charlas que os nenos valoren a súa situación de benestar e as oportunidades que se lles brindan e que saiban que outros cativos non as teñen. Por outra banda está tamén a sensibilización respecto do pobo saharaui e do Programa Vacacións en Paz. Pensamos que os rapaces son excelentes transmisores ante as familias deste tipo de iniciativas.