O Campamento Musical de Vilatuxe abre a matrícula

elena cuiña, O. P. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

As actividades musicais na parroquia lalinense tiveron o pasado ano a súa primera edición.
As actividades musicais na parroquia lalinense tiveron o pasado ano a súa primera edición. miguel souto< / span>

No primeiro día inscribíronse máis de 50 rapaces, os cales contarán coa presenza de vinte músicos profesionais

04 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte comezou o prazo de matrícula para inscribirse no segundo campamento musical de Vilatuxe, que se celebrará entre os vindeiros días 18 3 21, en horario de 9 a 22 horas. Un total de once profesores, especialistas en cadanseu instrumento, impartirán clases individuais e colectivas, as cales se realizarán en horario matutino. Pola tarde, os asistentes disfrutarán de diversas actividades lúdicas, entre as que se inclúen, como novidade, xornadas de musicoterapia da man de Iria Louzao. O obxectivo das actividades vespertinas é «integrar e conseguir unha convivencia entre os rapaces, algo que se consegue con distintos xogos, logo dunha mañá chea de música», afirma Víctor Manuel Vilariño, director da Banda de Música de Vilatuxe. Ademáis, realizarase algunha excursión e proxeccións audiovisuais. A música continuará pola noite con ensaios de dúas horas coa Banda de Música de Vilatuxe.

Os inscritos contarán coa presenza de nove mestres máis, que acudirán a ofrecer unha master class. Dentro destes, sobresaen as figuras de Santi Comesaña, profesor do Conservatorio de Música Profesional de Ourense, en especialidade de clarinete, e Luis González, profesor do conservatorio profesional de Vigo, en especialidade de trompeta. «Cada un dos profesores colaboradores é destacable, xa que se trata de xente que conta cunha gran carreira musical e que conseguiu formar a grandes alumnos», conta Víctor Vilariño. «Con Patricia Pazos, profesora de fagot e estudante en Italia, pretendemos ensinarlle aos rapaces a carreira dos xoves músicos de aquí, e que eles tamén teñen a oportunidade de chegar a onde se propoñan».

Actualmente, o campamento realízase co traballo e esforzo da Banda e da Escola de Música de Vilatuxe, e dende a organización esperan poder recibir algún tipo de axuda exterior.

A previsión de asistencia é moi boa e, no primeiro día, superaron as 50 matrículas. «Inflúe moito o prezo. Trátase dun curso low cost, xa que se compaxinan clases con grandes profesionais, comidas e a realización de diferentes actividades e xogos», explica Victor Vilariño.

O campamento ten un custe de 40 euros para os membros da Banda ou Escola de Música de Vilatuxe, e de 65 para os alumnos externos. Inclúe almorzo, comida e merenda, e un servizo de bus con paradas en O Corpiño, Anzo, Prado e Lalín.

Para formalizar a matrícula simplemente se debe realizar unha chamada a Alberto Presas, ao 661 88 81 66. O prazo remata o sábado día 15 e as prazas son limitadas.