«Bule Lalín quere ser marca propia e sinal de identidade»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

A programación cultural de agosto abarca actuacións, feiras interculturais e medievais e unha festa interxeracional

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Trece xornadas de actividades culturais. Unha ampla oferta deseñada pola concellería de Ocio e Xuventude do Concello de Lalín para o vindeiro mes de agosto.

-O primeiro que pode sorprender é o feito de que a programación leva por lema «Bule Lalín», ¿cal é o seu significado?

-Buscabamos facer unha programación ao noso xeito; programar para a vida dos veciños, e Bule Lalín quere ser marca propia e sinal de identidade. É unha marca e como tal queremos ensinala e mesmo tentar que grandes marcas poidan confiar en nós e apostarnos o seu apoio.

-¿Como definiría este primeiro programa?

-O primeiro foi valorar o que temos e eso foi o que fixemos. Logo outros colectivos nos demostraron que con pouco se poden facer cousas e dende o concello tamén pensamos que se poden desenvolver actividades sen desembolsar moitos cartos. Aprendemos dos que aprenderon a dinamizar o pobo con pouca cousa e a partires de aí fixemos un deseño no que haberá música, feiras, festivais...

-Comezan mañán cunha actuación da Banda Xuvenil de Lalín...

-O alcalde tiña interese de que se abrise a programación con esta formación; que puidemos escoitar recentemente en Santiago e que posue un nivel extraordinario. Actuarán no punto conflitivo do Quilómetro 0 ás nove da noite e o domingo, á mesma hora e no mesmo sitio, tocaralle o turno á Banda de Gaitas da Deputación de Pontevedra da sede lalinense.

-Celebraranse feiras interculturais os días 7, 8 e 9; ¿en que consistirán exactamente?

-Serán, polo de agora, unhas feiras modestas que pretendemos que vaian medrando pouco a pouco. Son un xerme para o futuro. A idea é facer feiras de integración nas que se poidan levar a cabo catas de determinados produtos como os queixos e que os hostaleiros locais elaboren tapas. Xa existe unha unión e unha colaboración no sector da hostalaría pero buscamos profundizar nesas relacións. Haberá tamén unha parte musical, un festival que tentamos que se semelle á desaparecida Foliada que tanto éxito tivo no pasado na vila. Por aquí pasarán Djémbé, Odaiko e Ataque Escampe o día 8 na Rúa dos Viños a partires das 19 horas. Programamos un Festival de Djs; que tan ben funcionan noutros sitios, na praia fluvial de Vilatuxe para o 29, ou unha xornada adicada á música popular con Bico da Balouta e unha banda chegada dende a bretaña francesa. Hai que agradecer a colaboración que nos estamos atopando de moita xente sen quenes non poderiamos sacar esto adiante.

-¿A feira medieval correrá a cargo dunha empresa foránea?

-De momento si. A intención é poder facela logo nós, e a feira interxeracional de fin de mes adiantarémola á primavera.

juan josé cruz garcía concelleiro de ocio e xuventude