O verán e fins de semana centran as solicitudes que canaliza Xuncoga
30 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O servizo de sustitución agraria posto en marcha por Xuncoga no ano 2008 medra en demanda. Conta na actualidade con máis dun cento de explotacións espalladas pola comarca dezá que veñen solicitando este tipo de prestación. Un servizo que, no seu nacemento, foi pioneiro na zona e veu a dar resposta a unha demanda dos gandeiros que non tiñan en quen deixar as súas explotacións en casos puntuais de baixas por enfermidades ou á hora de poder asistir a algún evento familiar.
Unha prestación que rexistra a maior demanda nos meses de verán e en fins de semana, segundo apuntan dende Xuncoga. «Agosto é o mes por excelencia en que nos resta un día libre; a verdade é que nos quedan peticións fóra. Xullo tamén é moi demandado ao igual que setembro». Respecto deste último mes as peticións de sustitución abranguen a metade, «pero aínda se podería encher». Dous técnicos e un terceiro de apoio en fins de semana son os encargados de atender aquelas explotacións nas que os seus titulares solicitaron o servizo. O traballo dos técnicos aséntase en tres piares fundamentais: o muxido das vacas, alimentación dos animais e limpeza das instalacións; se ben todo depende dos casos. «Vai en función do que pide o gandeiro. Non é mesmo se está na explotación ou se se marchou uns días, se é unha sustitución por enfermidade», sentencian dende Xuncoga. E é que o servizo, pensando para dárlle un merecido respiro ao gandeiro, emprégase segundo as necesidades de cada propietario. «Hai quen nos solicita o servizo na época do ensilado, por exemplo. Cando hai traballos fortes nas explotacións e desexan centrarse nunha determinada tarefa pois buscan un técnico que lles vaia a muxir e a atender os animais namentras o dono se centra no ensilado ou noutro traballo que require da súa presenza fóra. Logo están tamén as baixas laborais que se veñen cubrindo cos técnicos que temos, unhas pequenas vacacións, un desprazamento dentro ou fóra da comarca por mor dun evento familiar... As causas para pedir o servizo son moi variadas pero o que queren os gandeiros é que continúe operativo».
Un servizo ao que poden acceder socios e non asociados de Xuncoga, sexan de Lalín ou de calquer outro punto da comarca. A única diferenza radica no desembolso da prestación recibida. «Os gandeiros que son do municipio de Lalín reciben por parte do concello unha subvención de 22 euros ao solicitar un técnico de sustitución agraria e os que son de fóra do municipio non teñen dereito a esa axuda».
Unha demanda de sustitución agraria que acadou repercusión na práctica totalidade das parroquias do rural lalinense. «É certo que con máis peticións en determinadas parroquias que noutras, pero de case todas rexistramos solicitudes. Normalmente o gandeiro que nos pide o servizo queda contento co traballo e é quen de voltar a pedilo no momento en que se lle prantexa a necesidade».