A hostalaría rinde homenaxe ao lalinense José Brey, da Imperial

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

Clientela do céntrico establecemento da capital dezá.
Clientela do céntrico establecemento da capital dezá. f. b. s.< / span>

A súa viúva Carmen Sánchez e o seu fillo Fernando asistirán á Santa Marta

29 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Santa Marta é para a hostalaría lalinense día de festa. Cada 29 de xullo toca honrar á patrona e, á par, recoñecer o traballo e a traxectoria dalgún compañeiro de profesión.

A comisión que preside este ano Ángel González Vázquez, do Bar Currás, apostou por homenaxear a José Brey Pereiras quen xunto a súa dona Carmen Sánchez Maceira levaron as rendas da Cafetería Imperial. Un establecemento que abrira as súas portas no ano 1963 nunha das zonas máis céntricas por aquel entón do casco urbán lalinense; o coñecido como cruce de abaixo, na Rúa da Ponte. A cafetería que mantivo a súa actividade ata 1986; ano de falecemento do seu propietario, foi a xuizo de moitos hostaleiros da vila unha cafetería «estilo americano, moi novidosa para aquel entón e mesmo moi ben situada xa que se atopaba nunha zona pola que pasaba moita xente. A carón da Imperial paraban os autobuses que facían a ruta entre Santiago e Ourense, e nas inmediacións da cafetería estaban os xulgados e a notaría, pola que era un establecemento moi concurrido e de gran referencia no pobo». Unha cafetería que foi mesmo berce do inicio da Feira do Cocido de Lalín; «alí Licho e Servando Vidal, que ían habitualmente polas tardes, comezaron a perfilar a celebración da Feira do Cocido. Unha feira moito máis modesta do que é na actualidade pero foron quenes puxeron os primeiros cementos do evento».

Natural de San Pedro de Ancorados, en A Estrada, José Brey Pereiras estivo emigrado en Venezuela pero ao voltar á terra coa súa dona Carmen Sánchez Maceira foi cando decidiu aperturar un establecemento moderno, toda unha referencia para a época. Amante da música, Brey foi fundador da Banda de Veteranos, e mesmo se fixo cargo da organización das festas patronais de As Dores e da Feira do Cocido. Hoxe a hostalaría ríndelle homenaxe e glosará o seu traballo nun acto ao que está previsto asista a súa viúva Carmen Sánchez Maceira e o seu fillo Fernando.

Xornada de lembranzas e emocións no que a hostalaría celebrará misa na honra a súa patrona, con posterior procesión da imaxe de Santa Marta, e unha cea de confraternidade no campo da festa do Montserrat ao que se prevé asista unha ampla representación do sector xunto a familiares e amigos. A comisión organizadora decidiu apostar por unha única comida, a da noite, ao considerar a maioría que é a mellor opción. «Ao mediodía moitos non podía acudir ao ter os bares abertos e pola noite é máis doado xa que a xente sabe que é o día da patrona e se pechan a porta non pasa nada». Unha festividade na que non faltará a música.