Unha reflexión despois da excavación arqueolóxica no Castro de Doade

Manuel Blanco

LALÍN

Imaxe dos participantes nas catas e a vivenda descuberta.
Imaxe dos participantes nas catas e a vivenda descuberta.

Un primeiro paso para seguer a descobrir o pasado nesta parroquia lalinense

08 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

DDespois de dúas intensas semanas de arduo traballo na coroa do Castro de Doade, baixo un Sol de xusticia, nas que tiven a inmensa honra de compartir xornada completa con trece arqueólogos da Universidade de Santiago, chegou a hora de facer balance desta odisea, non exenta de dificultades, que conseguimos culminar cun resultado moi positivo no presente e esperanzador cara ó futuro.

Vaia por diante a miña mais profunda admiración pola vocación e profesionalidade demostrada pola totalidade do equipo dirixido polo Profesor Titular da USC, José Manuel Caamaño Gesto, director cientí­fico da expedición baixo a tutela de Erik Carlsson-Brandt, director de obra, composto por Ana, Andrea Pérez, Andrea Mariño, Antonio, David, Fátima, Jorge, Julián, Marí­a, Vanesa e Víctor, que na nosa humilde opinión, os fai merecedores de situarse na élite galega da fermosa e sacrificada profesión da arqueoloxía.

Impresiona ollar cómo un experto doutor, con 42 anos de bagaxe ás súas costas, rodilla en terra, transmite con toda naturalidade o seu entusiasmo contaxioso ó resto do equipo, dende os máis veteranos, ata ós recén licenciados.

Cada mañanciña, chegaban con puntualidade alemana cun horario xaponés por diante, con animos renovados, pese ao cansancio do día anterior, picando con fe e ilusión como se cada día fora o último das sús vidas. Vendoos traballar decátome de que participan con afán na busca dun gran tesouro: Non é ouro nin prata o que ansían atopar, senón descubrir algo que nos permita saber un pouquiño máis da historia dos nosos devanceiros de fai máis de vinte séculos.

A primeira semana foi parca en resultados para o gran traballo despregado, pero a principios da segunda semana, o dí­a de San Xoán, festividade na que os nenos acudiamos da man dos maiores a escoitar a media noite os muíños dos mouros, na finca do meu bisavó de Codeseda, apareceu por fin a xoia da coroa do Castro de Doade: Unha enorme vivenda de uns seis metros de diámetro (o normal e que non pasen de tres, o sumo 4) en bo estado de conservación, con múltiples restos de cerámica, muíños de man, e un gran muro moi preto, sito entre a vivenda e a muralla, que requerirá ampliar a excavación para determinar a súa finalidade última.

¿Demos con esta verdadeira maravilla precisamente o dí­a de San Xoán, na finca que mercamos sen saber que fai setenta anos era da miña casa, pasando por catro donos diferentes antes de voltar a nós por causalidade? ¿Ou non?

O que importa é que a «causalidade» e a «sorte» nos pillaron traballando.

O resultado final para unha cata desta natureza non pode ser mais positivo: Máis de 4.000 restos de cerámica de diversos periodos, a maioría parecen situarse entre os séculos IV e I antes de Cristo, muíños de man, alisadores, pesas, dúas construcións deterioradas, unha plataforma/muro, e unha vivenda xigante en bo estado, que con toda seguridade nos permitirían datar o castro nos próximos meses, unha vez rematado o estudo e catalogación das pezas e redacción da correspondente memoria.

Así­ as cousas, para o 2016, previo permiso de Patrimonio, ampliaremos a excavación, consolidando as construccións descubertas na súa totalidade para facelas visitables «in situ», procedendo á montaxe dunha sala específica de arqueoloxí­a no Museo Etnográfico Casa do Patrón, a que se irían incorporando tódalas pezas recuperadas na nosa querida «aurela do Castro de Doade», que, dende a súa inmutable atalaia, veu nacer, vivir e morrer alomenos as últimas cincoenta xeracións dos nosos antepasados máis achegados.

Todo longo camiño comeza con un paso: Ainda que sabemos se trata dunha actuación longa e custosa, que durará varios anos, o primeiro paso xa está dado; o rumbo, marcado, e para percorrer o camiño pola senda do éxito, contaremos co excepcional equipo que nos axudou a botar a andar. Mentras o desexen, serán eles os nosos compañeiros nesta apaixoante viaxe.

Non dubidamos da boa disposición e apoio das diferentes Administracións: Xunta, Deputación  e Concello, dada a trascedencia histórica, cultural e turí­stica do proxecto nunha terra chea de castros, como é Lalín e o Deza en xeral.

A obriga de todos é poñelos en valor, por nós mesmos e por os que alí habitaron antaño, que non morrerán nunca, mentras sexan recordados.

A Casa do Patrón fará unha vez máis posible o imposible para continuar esta tarefa que consideramos vital para o Museo e a parroquia de Doade, que nos axudará a atraer ainda mais visitantes a zona, completando a nosa singular oferta cultural, turí­stica e de natureza, porque como mirador, o Castro de Doade constitúese nunha espectacular terraza, cunhas extensas vistas do val do Asneiro, poboadas de milleiros de árbores auctóctonos: Castiñeiros, carballos, piñeiros do país, verdes pradeiras e os veciños castros de Soutolongo, Vilanova e A Xesta. Por algo se ubica no corazón da Ruta do Museo da Paisaxe.

Parabéns, meus queridos arqueólogos: Pola vosa defensa incondicional e desinteresada da nobre ciencia da arqueoloxí­a, a vosa fe e constancia inquebrantables, por convertir en admiración e devoción a miña vella curiosidade polos castros, por tantas cousas que de vós aprendí­n. Por estas dúas semanas longas, pero curtas; intensas, pero relaxantes; sacrificadas, pero ilusionantes; por amor ó arte, pero moi valiosas.

Ata pronto amigos: ¡Voltaremos a vernos axiña na «aurela de Doade», porque isto non acabará, se nós non queremos...!

Manuel Blanco Villar, do Museo Etnográfico Casa do Patrón