Selfie interxeracional en Forcarei

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA /LA VOZ

FORCAREI

<span lang= gl >Valentín entrevistou onte a Adolfo, lector apaixonado de Rosalía</span>.
Valentín entrevistou onte a Adolfo, lector apaixonado de Rosalía. x. v.

Maiores da residencia e alumnos do Chano Piñeiro comparten conversa e fotos nun proxecto pioneiro

05 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Que teñen que dicirse un maior dunha residencia e un rapaz de segundo da ESO? Todo ou nada. Depende. Viven en universos paralelos. Teñen intereses discordantes por completo. Ós maiores se algo lles sobra é tempo. Os novos ás veces non atopan o intre para achegarse ós anciáns. Sen embargo, a conversa interxeracional é máis enriquecedora que calquera clase de Historia.

Para poñer en contacto eses dous mundos distantes nace o Proxecto Interxeracional Lingua de Montes, que leva a cabo o IES Chano Piñeiro en colaboración coa residencia Virxe das Dores de Forcarei. Dez alumnos de segundo de Secundaria achéganse dúas veces por semana ó centro de maiores para mesturarse cos residentes. Cada alumno entrevista a un maior e indaga sobre a súa infancia, a súa experiencia laboral, os feitos máis importantes da época que lle tocou vivir e a súa visión dos tempos que corren. Como complemento á entrevista, mozo e maior elixen candaseu obxecto e explícanse mutuamente cal é para eles o seu valor. A simple elección da fe de que se están a encontrar dúas dimensións paralelas. Os rapaces escollen móbiles, chaves do coche ou posters de anime. Os maiores poñen sobre a mesa garabatas, fouciños ou cestos.

O encontro remata cunha sesión de fotos. O rapaz faille ó maior unha cunha cámara convencional. O maior inmortaliza ó escolar cun móbil, seguindo as instrucións do rapaz. Finalmente, mozo e ancián posan xuntos nun selfie interxeracional.

Todo ese material formará ó final parte dun libro e quizás chegue a difundirse tamén en formato exposición.

O proxecto xurdiu dos departamentos de Lingua Galega e Normalización Lingüística do IES de Forcarei. Segundo explica o profesor Xaime Varela, a experiencia está resultando moi interesante. «Os rapaces empezaron moi tímidos, pero agora xa se soltaron totalmente. Os maiores ás veces xa nos están esperando na porta. Gústalles moito falar cos rapaces e trátanos coma se fosen os seus netos. Danlle un montón de consellos», explica Varela.

O proxecto combina lingua, arte, tecnoloxía e educación en valores, sobre todo respecto e solidariedade. «O que máis nos interesa é que os mozos vexan ó maior como fonte de coñecemento e de experiencia. Que vexan que os maiores teñen moito que contar e moi interesante», comenta o profesor. A cousa vai por bo camiño. Os mozos xa teñen claro que viven mellores tempos que os seus avós e que lles queda moito que aprender.