A complicada supervivencia dun clube afeccionado

Dende o fútbol profesional ata o afeccionado hai un salto abismal, e para mostra, o Presqueiras. Fichas, arbitraxes, arranxos do campo e o material resultan un gasto complicado de asumir para un equipo de afeccionados ao que se lle resisten os patrocinadores e no que non abundan os socios. «En Santa Mariña e San Miguel de Presqueiras non somos moitos veciños, así que non tes moito de onde sacar socios», sinala Vicente, un dos xogadores, que pon sobre a mesa a incertidume que se cerne sobre o futuro do club.

Aínda que as comunidades de Montes, o Concello de Forcarei e a Deputación tentan botar unha man ao Presqueiras, as axudas redúcense cada vez máis, e os 800 euros de fondos cos que o club comezou a tempada, xa pasaron á historia. Cada arbitraxe supón un desembolso de 76 euros aos que hai que engadir preto de 2.500 en fichas, e algúns cartos para equipación e mantemento. Dubidan de que se consigan os cartos suficientes para pagar unha cea de fin de tempada aos xogadores, e aínda non está moi claro como se acabarán de sufragar as fichas. A titularidade do campo é do Presqueiras, e a pesar de que teñen colaboración por parte do Concello, é o club o que ten asumir as melloras. «Hai quen nos di que en vez de sobre terra xogamos sobre gravilla».

En terra de ninguén

A ubicación de Presqueiras no corazón da Terra de Montes é tamén fonte de problemas para o equipo, xa que mesmo a Federación sabe qué facer con el. «Non nos queren en ningún grupo por causa dos desprazamentos», explican resignados.

Votación
1 votos
Etiquetas
Forcarei Comarca de Tabeirós - Terra de Montes