Balseiros I, O Incontestable: Rei absolutista

Plataforma anti-fusion

CERDEDO

19 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén podería facer un retrato tan duro cara o Sr Balseiros, como o fai el de si mesmo. Cerdedo non é o único concello no que se emprega as marquesinas para todo tipo de anuncios (carteis de festas e actividades varias, esquelas fúnebres, propaganda electoral en tempo de eleccións, etc), aínda que hai unha ordenanza municipal que o prohibe dende fai anos, nunca se aplicou. Por que? Non será que se fixo explicitamente para intimidar e cortar de raíz calquera acción que ó señor alcalde non lle guste?.

A mensaxe ós veciños/as é clara: «Se queredes pegar algo nas maquesinas vinde pedir permiso o concello que xa estou eu esperándovos». Así, o que debería ser dereito, convértese nun favor. Máis isto non pasa só coas marquesinas, tamén con calquera outra licenza ou arranxo de infraestruturas que lle corresponda prestar ó concello.

Balseiros non está acostumado a que ninguén o contradiga e isto da Plataforma Non á Fusión tomouno como unha insubordinación, como unha grande ofensa que hai que castigar e aplastar canto antes, senón o seu estómago non vai aguantar tragando tanta bile.

Recordade que el ten poderes divinos para diferenciar o que está ben ou mal, o que é verdade e o que é mentira, el ten o control total sobre o Concello de Cerdedo; decide quen pode ou non pode poñer comunicados no único espazo público que nos relega, tamén controla a gran maioría das casas do pobo, locais socias, etc.

Se alguén necesita facer uso destes locais, ben sexa para reunións, magostos, ensaios de musica e baile ou calquera outra actividade, ten que ir ao concello a pedir as chaves.

Pois ben, a Plataforma pediulle o local social de Quireza para facer unha ruada anti-fusión e a resposta do alcalde foi: «Para este tipo de eventos fai falta o proxecto dun técnico. Para esas datas non vai a chegar en tempo». Máis claro imposible.

Despois de facer un boletín pro-fusión pagado cos cartos de todos e todas en papel impreso polo concello, o Sr Alcalde acompañado de membros da corporación e empregados municipais repartíronos porta a porta intimidando ós veciños e amedrentando á xente con cousas tales como: que se non hai fusión non hai cartos e haberá que cortar o alumeado público e corre risco a recollida do lixo, que coa fusión haberá postos de traballos para todos, que as traídas e os depósitos da auga serán de balde e si non se fai a fusión ameaza de que a Xunta vainas impoñer e cobralas (testemuños de veciños/as de Cerdedo); e ós opositores á fusión négase a darlle os folletos dicindo que «son para os acólitos».

Logo de sufrir todo isto, coa ultima nota de prensa de Balseiros non sabemos se rir ou chorar. Ou sexa, que colle as alegacións presentadas polos veciños/as e vai ós seus domicilios (coa escusa de ir visitar unhas obras) amedrentándoos para que as retiren e aínda despois atrévese a acusar ós membros da plataforma de coacción.

Delirante e esperpéntico personaxe é o Sr. Alcalde. Os veciños/as deste Concello xa sabemos de que vai, e os que non o coñecían xa se van facendo unha idea. Abuso de poder e represión en estado puro. ¿A isto antes non se chamaba fascismo?.