«A Rapa de Sabucedo é a máis auténtica de todas as que se celebran»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Bazal considera que as imaxes do ritual do corte das crinas son xa un dos iconos cos que se identifica a Galicia

30 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Como todos os rapaces de Sabucedo, Henrique Bazal curtiuse como aloitador desde neno. «Ós seis anos fun ós poldros por primeira vez», lembra. Con 17 xa se meteu en fariña no curro das bestas e de aí en diante colaborou cando puido coa organización. En agosto pasado deu un paso máis ó asumir a presidencia da Asociación Rapa das Bestas. A deste fin de semana será a súa primeira Rapa á fronte da organización.

-¿Cales son os retos para un colectivo que xa no 2007 conseguiu a declaración de interese internacional da festa?

-O primeiro agora é acadar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para a aldea de Sabucedo. Iso poñeríanos nun escenario distinto desde o punto de vista da promoción do turismo e traería consigo a aportación de fondos para facer melloras na parroquia, como o empedrado de rúas, por exemplo.

-¿Están controlados os problemas en relación cos cabalos salvaxes por incursión en cultivos privados, saída ás estradas ou as agresións ós animais?

-Este ano só atopamos un cabalo en Campo Lameiro con un perdigonazo, pero non houbo máis incidencias. Respecto ó control do gando, estamos loitando por conseguir un peche perimetral dos montes de A Estrada, Cerdedo, Campo Lameiro e Cuntis nos que se moven os cabalos que nutren a Rapa de Sabucedo. Serían 42 quilómetros de peche abarcando 3.000 hectáreas de superficie. Xa temos o apoio das seis comunidades de montes de Cerdedo e Campo Lameiro, pero necesitamos tamén o acordo dos máis de 500 propietarios de fincas particulares nas que se moven os cabalos na zona da Estrada. É un proxecto ambicioso e precisamos o apoio da administración. Sen ela sería inviable por cuestión de cartos e pola necesidade de contar co acordo de todas as partes.

-¿Está calculado o custe dese proxecto?

-Sobre un millón de euros. Trataríase de facer un peche perimetral para evitar incursións dos cabalos salvaxes nos cultivos e accidentes que poden producirse cando saen ás estradas. O proxecto inclúe tamén a construción de pasos canadienses e a creación de pastizales para asegurar o sustento non só dos cabalos, senón tamén de vacas, corzos, cabras e todo o gando que vive en liberdade na zona. É a única forma de evitar que quedemos sen cabalos.

-¿Cantos cabalos nutren a Rapa de Sabucedo?

-En tempos chegou a haber setecentos, pero hoxe hai só unhas 400 cabezas entre os cabalos do Santo -que son a maioría- e os dos particulares de Sabucedo. O monte non está traballado e non hai comida suficiente. En Cerdedo están facendo peches para as vacas, co que cada vez queda menos comida e menos espazo no monte. Houbo un ano que morreron case cen cabezas. Ademais, cando se implantou a normativa que obrigaba á identificación dos animais con microchips, moitos particulares venderon. Queremos garantir as seiscentas cabezas para asegurar o futuro da Rapa. Para iso é necesario ter o monte ben traballado e asegurar o alimento.

-A Rapa de Sabucedo esfórzase por distinguirse doutras ás que lle choveron críticas por maltrato ós cabalos ¿cal é a diferencia?

-En Sabucedo non usamos nin cordas nin paus. Facemos tres curros e en cada uno rapamos, desparasitamos e marcamos con microchip a uns corenta cabalos.

-Faga promoción, ¿por que se debería ir á Rapa de Sabucedo?

-A Rapa xa se converteu nun dos iconos de Galicia. É algo único en Galicia. A de Sabucedo, ademais, é unha Rapa diferente. E a máis antiga e a máis auténtica. Interveñen só tres persoas e faise sempre coa mesma técnica e sen lle facer dano ó animal. A maiores, Sabucedo é un pobo interesante etnograficamente. Quen veña á Rapa atopará ademais boa festa, natureza e un patrimonio etnográfico importante.

HENRIQUE BAZAL BOUZAS

«Queremos retomar o proxecto de restaurar a casa rectoral para convertela en museo»

A asignatura pendente en Sabucedo é desestacionalizar o turismo.

-Esta fin de semana milleiros de visitantes invadirán Sabucedo, pero, fóra da Rapa, o turismo é moi minoritario, ¿que se pode facer para cambiar iso?

-A revista ADN Sabucedo que acabamos de presentar ten moito que ver con iso. Fala das rutas de sendeirismo e do patrimonio etnográfico que está aí todo o ano, ademais de tocar aspectos da Rapa descoñecidos, como o traballo que se fai durante todo o ano. Tiramos 5.000 exemplares que se distribuirán en oficinas de turismo, hoteis, centros de turismo e nos concellos máis próximos. Ademais, estamos propoñendo ó longo do ano eventos para desestacionalizar o turismo, como o Samaín, as muiñadas...

-¿Que foi daquel proxecto para restaurar a casa rectoral e convertela en museo?

-Había un preacordo coa Igrexa polo que esta estaba disposta a ceder a casa rectoral por 25 anos, pero precísanse cartos para a restauración. O tema está parado, pero gustaríanos retomalo. A idea é dedicar a planta baixa a Museo da Rapa e na segunda recrear unha antiga escola. Nos anos 20 houbo en Sabucedo unha escola de primeira ensinanza e consérvanse libros, diarios, pupitres... Sería moi interesante difundir todo ese material. O Museo sería un motivo máis para ir a Sabucedo fora da Rapa, un complemento ás rutas de sendeirismo e unha alternativa para os días de choiva.

-Agora toca centrarse na Rapa que xa arranca...

-O xoves (por hoxe) ás 22.00 horas celébrase no curro a gala en loubanza dos aloitadores, na que se entregan premios ós veciños cunha colaboración destacada na festa e ós profesionais de fora que axudan a difundila. O venres (por mañá) é xa a subida ó monte para reunir ós cabalos.