A Alameda da Estrada, unha obra inconclusa

La Voz

A ESTRADA

Artigo de opinión de Juan Andrés Fernández sobre o espazo verde e o seu futuro

06 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando no ano 1925 don Benito Vigo Munilla -alcalde entre 1924 e 1930- e a corporación municipal que preside elaboran o primeiro plano de poboación da entonces incipiente vila, o censo urbano estradense rondaba os 1.500 habitantes. Aquel proxecto, ademais dunha rede viaria tan perfectamente trazada que serviu de base para o deseño do PXOU hoxe en vigor, incluía, entre outras melloras, unha magnífica praza de abastos -lamentablemente derrubada-, un matadoiro municipal, unha traída de augas, unha rede de sumidoiros e unha pequena alameda ubicada no entorno da casa consistorial que, co paso dos anos, foi conquistando o corazón dos estradenses. Quen non xogou ás agachadas entre as súas árbores e se citou cos amigos nun de aqueles bancos verdes da nosa infancia? Quen non fumou alí furtivamente ou bicou ao seu amor baixo a sombra cómplice dos mirtos? Hai algún lugar máis retratado que o estanque da alameda? Entre este lugar e todos nós existe un vencello indisoluble porque alí se ubica o epicentro mesmo da xeografía sentimental do noso pobo, a onde regresamos decotío na procura dos días máis felices.

Pero a alameda, feita á escala de aquela vila de 1925, móstrase claramente insuficiente na actualidade, como calquera pode comprobar achegándose alí unha mañá de domingo ou un día de sol despois da saída dos colexios. A Organización Mundial da Saúde (OMS) nas súas recomendacións ás administracións locais estima que as poboacións deben dispor de 15 metros cadrados de zona verde por persoa, considerando aceptable un mínimo de 10, cantidade moi alonxada dos cativos 0´63 metros cadrados que corresponden hoxe a cada habitante deste pobo. Baste constatar que desde os anos vinte do século pasado o aumento de zonas verdes urbanas foi de exactamente cero metros cadrados. Dito de outra maneira; os nosos avós e aqueles nenos que hoxe son nosos pais dispoñían para pasearen e xogar de bastante máis espazo do que temos nós e os nosos fillos e netos.

As zonas verdes e arboradas, ademais de contribuír ao benestar físico e mental das persoas, absorben os gases tóxicos producidos polos coches e as caldeiras das calefaccións e amortiguan tamén o impacto sonoro do tráfico. O psicopedagogo Francesco Tonucci, pola súa parte, promove por todo o mundo unha fermosa idea: que as cidades se han construír á escala das persoas e non dos coches, e afirma ademais que en todos os pobos debe haber parques e alamedas, amplos espazos públicos de encontro e intercambio onde os avós poidan conversar cos seus amigos mentres o sol se pon e vai pasando o tempo. Un lugar, en fin, onde os meniños exerzan de meniños plenamente. «Desculpen as molestias, rapaces xogando», lemos nun dos ocorrentes debuxos de Frato, pseudónimo do mesmo Tonucci. Habería que escoitar tamén a estes pequenos cidadáns á hora de tomar decisións que lles afectan.

A oportunidade que neste momento se nos ofrece de ampliar a alameda pública e única e irrepetible. Única porque se actúa sobre terreos colindantes, sen discontinuidade ningunha que entorpeza a unidade estrutural do conxunto; e irrepetible porque calquera intervención urbanística privada neste lugar frustraría para sempre a conformación dun gran espazo público presidido pola impresionante arquitectura da nosa casa consistorial e delimitado por importantes rúas que verían sensiblemente incrementado o valor dos seus inmobles. Os fillos desta terra «noble, fidalga e ben labrada» como di o noso himno, os habitantes deste pobo onde laboramos e vivimos, non merecemos menos.