Editan o primeiro temario de oposicións en lingua galega

Rocío García Martínez
Rocío GARCÍA A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

O manual está orientado á preparación das probas teóricas para acceder ó servizo galego de extinción de incendios

31 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A normalización do galego deu onte un pequeno paso cara diante coa presentación do primerio manual de oposicións editado nesta lingua. O acto tivo lugar na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) de A Estrada. A elección do escenario non foi casual. O temario está dirixido ás persoas que queiran preparar as probas teóricas para acceder ó servizo galego de extinción de incendios.

O manual -que leva por título O bombeiro galego. Temario e cuestionarios- foi editado en dous volumes por Andavira Editora. Ademáis de ser o primeiro temario de oposicións en galego é tamén o primeiro manual para bombeiros avalado pola Xunta de Galicia que desenvolve os temas teóricos recollidos nas últimas bases das oposicións das cidades galegas que contan con servizos públicos de extinción de incendios: Vigo, Santiago, Ferrol, Ourense, Lugo e A Coruña.

Na presentación da obra, o secretario xeral de de Política Lingüística, Valentín García, expresou a súa satisfacción pola publicación do manual en galego. «Cómpre que a nosa lingua propia estea presente en todos aqueles ámbitos e actividades que se desenvolvan na sociedade galega do século XXI e, particularmente, que se asocie a proxectos pioneiros nun espazo tan importante coma o da administración pública».

García destacou que o manual incide nos coñecementos das persoas que se ocupan da seguridade cidadá, quizais os profesionais da administración que teñen un contacto máis directo e estreito cos administrados. «A súa formación en galego é fundamental para garantirmos o dereito das persoas da nosa comunidade a seren entendidas e atendidas en galego», salientou.

Por outra banda, o secretario resaltou o papel do manual na creación e difusión de léxico especializado de diferentes ámbitos que concorren na formación dos bombeiros. «O enriquecemento léxico da nosa lingua faina dinámica e apta para a sociedade actual e futura», sinalou.

 García gabou «o traballo inxente» do autor, Gerardo Fernández Costa, que dedicou «case tres lustros do seu tempo á elaboración e redacción desta obra necesaria, útil e magnificamente traballada». Neste sentido, recoñeceu a importancia da implicación da cidadanía e da empresa privada -en referencia ao propio autor e á editorial que o publica- na promoción e no avance da lingua galega, ao tempo que comprometeu o apoio de Política Lingüística.