Tequexetéldere celebrará o seu certame de baile o día 19 de abril

La Voz

A ESTRADA

El evento se celebra en la Fundación de A Estrada

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A agrupación folclórica Tequexetéldere da Estrada celebrará o domingo 19 de abril o seu XI concurso de baile tradicional que leva o seu nome. O evento terá lugar na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada en horario de mañá, a partir das 11.00 horas, e de tarde, dende as 17.00 horas.

Nel, co fin de difundir e enxalzar a culta e tradicións galegas, poderán participar grupos de asociacións folclóricas, veciñais, recreativas ou de todo tipo que se dediquen ao baile galego. Coma nos anos anteriores a competición dividirase por categorías que estarán marcadas polas idades, na categoría A ata 10 anos, na B de 10 a 12, na C de 12 a 16 e por último na D de máis de 16 anos. A categoría na que participará cada agrupación decidirase pola media de idade dos seus compoñentes, e cada grupo de baile terá que estar formado polo menos por un mínimo de catro parellas, a non ser que as características do baile presenten outro tipo de formación. Ademais cada agrupación deberá de levar consigo o seu grupo de acompañamento que deberán de portar traxes rexionais. Cada conxunto poderá actuar durante cinco minutos, se supera ese tempo quedará descualificado do concurso.

O prazo de inscrición estará aberto ata o domingo 12 de abril, e para participar haberá que inscribirse exclusivamente a través da páxina web www.tequexeteldere.com dentro do apartado concurso. Os premios para as categorías A e B son 150 euros para o primeiro, 120 para o segundo e un trofeo para o terceiro. Na categoría C o gañador levarase 180 euros, o segundo 150 e o terceiro un trofeo e na categoría D o primeiro gañará 240 euros o segundo 180 e o terceiro un trofeo.