As Gandeiras de Vea gañan o premio á labor das mulleres da Estrada

A ESTRADA

Imaxe tomada hai 20 anos onde pode verse a Estrella Eiras Paredes, nai de Ana Iglesias, traballando.
Imaxe tomada hai 20 anos onde pode verse a Estrella Eiras Paredes, nai de Ana Iglesias, traballando.

A cooperativa naceu hai máis de 25 anos con 40 socias e produtoras

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os membros do xurado encargado de conceder o galardón que recoñece a labor das mulleres outorgado polo Concello da Estrada reuniuse na noite do luns para valorar as catro candidaturas que este ano optaban ao premio, que cumpre a súa terceira edición. Como anunciaron onte dende o Centro de Información ás Mulleres os membros do xurado decidiron por unanimidade conceder este recoñecemento non a unha muller senón a un colectivo de mulleres, o que forman as integrantes da Sociedade Cooperativa Gandeiras de Vea. O xurado valorou a traxectoria de esta agrupación que leva más de 25 anos no sector agro-gandeiro, un sector moi importante para o concello estradense «xa que non só xera emprego e ingresos no ámbito rural senón que indirectamente tamén noutros sectores como o comercio» valoraron dende o xurado.

Esta cooperativa estradense dá emprego na actualidade a unha ducia de mulleres que conseguiron adaptarse as circunstancias complicadas da economía actual que pegou de cheo a este sector, conseguindo por en valor o papel activo da muller como traballadora e fomentando así a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Segundo datos do Ministerio de Agricultura no sector agro-gandeiro traballan maioritariamente mulleres, mais boa parte das explotacións están a nome dos homes. A cooperativa Gandeiras de Vea axudou a inverter este dato no concello, xa que na actualidade son más as mulleres que traballan, viven e son titulares das súas explotacións.

Situación do sector

Pero a situación do sector non é a mellor como afirma Ana Iglesias, vicepresidente desta cooperativa. Ao comezo da actividade deste colectivo se contabilizaban 40 socias e todas e cada una delas tiña a súa explotación, mais na actualidade aínda que o número de socias minguou ata entorno 30 as produtoras baixaron ata chegar a ser pouco máis dunha decena, «moitas explotacións pecharon, as impulsoras da iniciativa xubiláronse e non houbo relevo xeracional» asegura Ana. Por este motivo tamén tivo que cambiarse o xeito de traballar, «nos comezos a cooperativa tamén era primeiro comprador e podía distribuír o leite que se producía. Agora temos que vender en conxunto a primeiros compradores porque perdemos esa categoría para que se distribúa o leite. Tamén mercamos en conxunto cousas como o penso, xa que ao facelo en grupo pódense negociar mellores prezos» manifestou a vicepresidenta. Ademais o prezo do leite non está no seu mellor momento, «os prezos están igual ou máis baixos que hai trinta anos, agora pagan 30 céntimos por litro e antes 60 pesetas, e a materia prima que tiñas que comprar era máis barata».

A pesar da situación Ana Iglesias mostrouse agradecida por recibir este Premio Honorífico ao labor das Mulleres do Concello da Estrada, que -di- valora o traballo da muller no campo «que ata fai 10 anos era ama de casa, nai e mantiña as explotacións».

Entrega do premio

A entrega do premio terá lugar o mércores 11 de marzo as 20.30 horas e será no Museo do Moble e da Madeira da Estrada.