A Artística de Merza estrea a banda de músicos veteranos

amelia ferreiroa

DEZA

. miguel souto

O vindeiro sábado presentarase ao público cun concerto que se celebrará no Palco da Moa

13 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Banda Artística de Merza presentará o vindeiro sábado, 17 de xuño, a súa agrupación de veteranos. Xuntarse para recuperar vellas sensacións foi o que guiou a posta en marcha da veterana formación, segundo recoñeceu o seu director Miguel Rodríguez Barrio. «Queriamos sentir de novo o que era tocar por aí adiante e así xurdiu a idea de constituir a Banda de Veteranos da Artística de Merza». Despois de tirar de listas, contactos e teléfonos a agrupación foi tomando corpo ata chegar ao que é hoxendía. «Detrás de todo isto hai fundamentalmente moita ilusión de todos e de cada un de nós, onde uns se acordaron doutros e fomos tirando da corda ata chegar aos casi trinta músicos que somos na actualidade». Unha trintena de músicos que comezaron a reunirse e a ensaiar no pasado Nadal e que están preparados para a gran presentación do vindeiro sábado. Ilusión non lles falta a ningún pero máis se cabe a un en especial: «chámase Albino de Paradela, que pode ter uns 70 anos, e será o seu gran estreo como músico. De novo o era pero logo tivo que marcharse para fóra a traballar e nunca puido tocar. Agora, o próximo sábado, poderá facelo e está moi moi ilusionado», apuntou Rodríguez Barrio.

A Banda de Veteranos da Artística de Merza, que conta no seu plantel con músicos de entre 40 e 70 anos, ultima os preparativos da súa presentación no que será un concerto con tintes de festa. «O que mostraremos ao público será unha festa coma as que se facían antes, con todos os ingredientes daqueles festexos dos anos oitenta». Con esa idea das festas á antiga usanza pechouse o programa do próximo sábado que comezará cun pasarúas ás doce do mediodía para dar paso unha hora despois á misa, e ás 14 horas iniciar o concerto que se celebrará no Palco da Moa. «Tendo en conta que é unha festa na parroquia, coma as de antes, aproveitamos para recuperar tamén unha misa a San Antonio onde haberá tamén unha marcha de procesión e logo virá a sesión vermú con bailables que é o que se facía antes». Non faltarán pois os pasodobles, como un do director Alejandro del Río ben coñecido polos músicos da Artística de Merza, unha obra galega e un par de bailables como «Macumba» que tanto sonaba polos oitenta».

Nos obxectivos da Banda de Veteranos da Artística de Merza está tocar «cando nos apeteza como por exemplo nas festas de inverno da parroquia pero non se trata de saír fóra senón de dinamizar as festas de Merza e pasalo ben». Músicos que buscan fundamentalmente manterse en permanente contacto «co que nos gusta que é tocar» e unha parroquia que agarda ansiosa a presentación da formación dos seus veteranos músicos. «A moitos veciños semella que non lles chega a hora. A sensación é de ilusión».