«O patrimonio asociado ao Camiño de Inverno está pouco estudado»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

DEZA

Un investigador da ruta histórica dará hoxe unha conferencia no Centro do Viño da Ribeira Sacra

21 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte de Lemos acollerá hoxe -ás 19 horas- unha conferencia do historiador Javier Raposo acerca do patrimonio do Camiño de Inverno que organiza a asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra. Raposo participou na elaboración do informe que encargou a Xunta con vistas á oficialización da ruta.

-¿O patrimonio histórico e artístico asociado ao Camiño de Inverno é suficientemente coñecido e valorado?

-Aínda está moi pouco estudado. Hai estudos sobre este patrimonio, pero son moi escasos. As asociacións que promocionan a ruta nas zonas por onde pasa fixeron un traballo moi valioso neste sentido, pero na súa maior parte é obra de voluntarios que non teñen unha formación profesional como historiadores e investigadores. Creo que a partir de agora hai que dar continuidade a ese traballo con estudos concienzudos feitos por expertos para dar máis relevancia cultural a este patrimonio e para que a ruta sexa un recurso económico importante para estes territorios.

-¿Que elementos dese patrimonio cre que deberían ser máis estudados e divulgados?

-Hai moitos e de tipos moi diferentes. Ao longo da ruta hai numerosos elementos patrimoniais que teñen unha relación coas tradicións xacobeas na que non se adoita reparar. Non é necesario que haxa imaxes de Santiago ou outros símbolos semellantes para que un lugar determinado se asocie ás rutas de peregrinación. Hai igrexas e capelas con advocacións como as de san Roque ou san Antonio, entre outras, que tamén están relacionados con esas tradicións. E por outro lado están os hospitais que había no camiño, que en moitos casos só se coñecen por documentos históricos. Contamos ademais con datos históricos sobre personaxes importantes que percorreron a ruta e despois están as tradicións orais relacionadas co camiño. Hai moitos terreos por investigar e moitas datos de interese que están por divulgar.

-¿No sur lucense pode sinalar algún caso concreto de elementos que merezan máis atención?

-Por mencionar só algúns exemplos e sen saírmos do municipio de Quiroga, temos a igrexa de San Miguel de Montefurado, cunhas implicacións xacobeas moi importantes e case descoñecidas. Temos tamén o castelo dos Novais, un elemento interesantísimo porque pertenceu á Orde de San Xoán de Xerusalén, unha entidade que se significou como protectora dos peregrinos. Na parroquia de Bendilló encóntrase a capela das Farrapas, que está vinculada con lendas de peregrinos de tradición medieval.

-¿Que habería que facer para que este patrimonio se coñeza e se aproveite mellor?

-Na miña opinión, as institucións públicas deberían esforzarse para que os especialistas se ocupen de investigar a fondo o patrimonio material e inmaterial asociado ao Camiño de Inverno e para resaltar a dimensión cultural da ruta. Pero polo que vin ata agora, os concellos polos que pasa o Camiño de Inverno non mostran moito interese en promocionalo, con algunhas excepcións. Penso que isto tamén debería interesar ás empresas da zona porque estou seguro de que a ruta vai interesar a moitos visitantes como percorrido alternativo.