Por unha vila social e sostible

José López FIRMAS INVITADAS

DEZA

10 oct 2016 . Actualizado a las 13:22 h.

Na actualidade, moitas vilas de Galicia están deseñando estratexias e procurando recursos para desenvolver a súa fisonomía futura dun xeito máis sostible e duradeiro no tempo. O carácter dinámico da xestión municipal acostuma a mergullarnos nunha atención continuada cara ás urxencias do día a día, impedíndonos ollar cara o futuro; por iso é máis que necesario artellar accións concretas que estean amparadas por unha estratexia a medio e longo prazo, convertendo en retos cada oportunidade, grazas á capacidade política e á implicación cidadá.

Na busca desas oportunidades, na busca dese modelo transformador para a nosa vila, enmárcase o proxecto A Estrada Social e Sostible 2020, ao que a Unión Europea acaba de destinarlle un investimento de 5.000.000€, investimento, que engadido aos fondos propios, abren para a nosa vila un horizonte de oportunidades.

Pero non é este un proxecto nacido da precipitación nin do azar. As súas liñas estratéxicas son froito do diálogo coa cidadanía, froito dunha capacidade de xestión demostrada en actuacións pasadas, e froito, tamén, dunha reflexión realista sobre a nosa situación actual. Son, xa que logo, o resultado de crer no que se fai e de saber trazar o modelo de vila posible e desexable.

O reto é deseñar unha estratexia de futuro asentada en catro piares: a mellora das novas tecnoloxías, a planificación dun desenvolvemento urbano sostible, a conservación e protección do medio ambiente e a inclusión e cohesión social.

Trátase, en último termo, de construírmos xuntos un concello más disfrutable e cómodo para os veciños, amparando proxectos concretos como a ampliación de espazos verdes, a creación de zonas de esparexemento, a humanización de rúas, o acondicionamento de vivendas sociais ou a mellora das condicións de vida no rural. Proxectos todos, que pasan por preservar e respectar, os sinais arquitectónicos e culturais da vila, e que perderían a súa funcionalidade, se non van acompañados dunha xestión eficiente do custe enerxético, dunha administración moderna e eficaz dende o punto de vista económico e dunha accesibilidade á información, por parte do cidadán, apoiada no uso das novas tecnoloxías.

Por outra banda, nesta Estrada que se nos aveciña, a persoa debe converterse no noso centro de intervención, prestándoselles unha sensibilidade especial aos colectivos desfavorecidos e facendo das políticas sociais o centro capital da nosa xestión. Proxectos como a construción da nova gardería ou dun novo centro de saúde, ademais do apoio á conciliación de vida laboral e familiar, poden e deben substanciarse mediante unha cobertura de servizos e recursos municipais que pasen, así mesmo, por establecer medidas de protección e acompañamento a sectores en risco, tales como persoas inmigrantes, menores ou terceira idade. Tamén, como vila creativa e xeradora de talento que somos, apostaremos por estar na vangarda da prestación de servizos culturais, fomentando a participación de todo o noso tecido asociativo.

Temos as ferramentas e as potencialidades. Temos a capacidade de xestión e de interlocución. Temos, sobre todo, a ilusión de coller este tren cara o futuro. A ilusión de que o meirande proxecto que tivo o concello na súa historia, por recursos e capacidade de transformación, sirva para mellorar a calidade de vida de todos os estradenses. Porque hoxe podemos facer algo máis que soñar o futuro que queremos. Hoxe, temos a posibilidade de facer realidade os nosos soños.