As organizacións agrarias son necesarias, senador Crespo

Román Santalla

DEZA

15 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dí o preclaro senador do PP por Pontevedra, José Crespo, que os sindicatos no campo non teñen razón de existir e que debería haber unha soa voz «potente e única» para solucionar os problemas do agro.

E así, con esas palabras que responden non sabemos a que nin a quen; o senador Crespo acaba con todo o espírito da Constitución Española, si, a vixente, esa que nos rexe a todos e que un senador debería salvagardar igual que calquera (ou algo máis). Pois si, señor Crespo, a Constitución Española dí que as patronais e sindicatos son organizacións básicas para a defensa e a promoción dos intereses económicos e sociais. E son básicas porque a súa existencia garante que haxa gobernanza democrática e fai máis efectivas e estables as políticas.

Durante o franquismo, senador Crespo, houbo unha voz única, forte e cun gran dirixismo estatal. Pero claro, non será o modelo ao que se refire. Poeque iso era antidemocrático. E era tan malo, que na Constitución Española blindouse a diversidade e o papel das distintas organizacións facendo que o dereito de asociación e de libertad sindical sexa un dereito fundamental, dos que son a base do noso sistema democrático.

E como se organiza cada sector, a quen se asocia ou como se rexistra é un dereito de cada un; tendo a administración (e os representantes públicos tamén), senador Crespo, a obligación de velar por que teñan a liberdade de facelo.

Mire, non só penso que as súas declaracións foron desafortunadas e que ao mellor responden a un desexo interno seu máis que a unha análise pausada, pero é que vostede é senador e un representante do pobo (de todo, ata do que non lle votou) e non pode defender ou atacar a ninguén (por moi amigo ou inemigo que sexa) cuestionando a base do noso sistema democrático.

Os sindicatos agrarios e as cooperativas impartimos formación ó sector agrario, negociando e conxeniando coa Administración. E pensamos que o facemos ben e que aseguramos unha impartición de cursos sometida ó control e a testaxe da Administración. Pregunte na casa, seguro que alguén lle pode contar cómo se fai. E defendemos esta maneira de facelo. Se alguén dí o contrario, pois discutiremos e defenderémonos. E xa está.

E aí remata a historia, ¿cómo chega vostede a valorar o que pasou e decir que non debería haber sindicatos agrarios? Pense, senador Crespo, pense, que ao mellor foi un exabrupto que lle saiu asi. E se ao pensar, esa sigue sendo a súa idea formada, pois pídolle que a traslade aos responsables do PP e do Goberno agora en funcións para saber se é compartida.

Dende logo, a Unións Agrarias interésanos moito sabelo. Quedamos á espera.