«A preocupación é facerlle entender aos mozos que o agro é medio de vida»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

Traballa na organización do segundo Encontro da Mocidade Gandeira

14 nov 2015 . Actualizado a las 23:24 h.

A Rocío Manteiga Rodríguez interésalle coñecer en profundidade o sector lácteo dende varios puntos de vistas; non só dende o gandeiro que xa coñece. Unha inquedanza que a levará a cursar un master especializado no sector alimentario unha vez remate o que está facendo en Enxeñería Química e Bioprocesos, para nun futuro poder traballar como enxeñeira de control de proceso en plantas agroalimentarias. Nada na aldea de Pazos, na parroquia cruceña de Oirós, esta xove enxeñeira química ostenta a presidencia do Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, está incorporada á explotación gandeira de seus pais dende agosto do pasado ano e mesmo atopa oco para participar nalgún concurso.

-É presidenta do Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia dende o pasado xullo, ¿xa pertencía ao mesmo?

-Estaba na xunta directiva en calidade de secretaria dende maio do ano 2014. A idade mínima para poder formar parte da xunta directiva é de 18 anos, e se celebran eleccións xerais cada catro anos -excepto este ano que se celebrou de xeito extraordinario unha convocatoria de eleccións-. Cando entrei na directiva tiña 20 anos.

-¿Como se xestou a posta en marcha deste club galego?

-Naceu hai sete anos cando un grupo de rapaces ligados ao mundo dos concursos de vacas decidiron asociarse para debatir as súas inquietudes con respecto ao sector e digamos, para crear un punto de encontro, un contacto entre eles que lles permitise coñecerse mellor. Na creación do club o fundamental foi a iniciativas destes rapaces pero Fefriga (Federación de Frisona Galega) foi un apoio importante. De feito, a día de hoxe, aínda a sede do club está incluída dentro da propia sede de Fefriga en Compostela.

-¿Que obxectivos perseguen a través do mesmo?

-Os obxectivos son moitos pois o club segue a ser un organismo vivo e trata de adaptarse aos tempos. Actualmente unha das nosas maiores preocupacións é facerlle entender aos mozos que o agro é un medio de vida, que o rural ofrece futuro e que para aproveitar as oportunidades xeradas é moi importante estar formado. Por iso as actividades do club centráronse nos últimos tempos na formación dos xóvenes mediante cursos de inseminación, podoloxía, alimentación; na competición como manexadores e preparadores de gando, unha das actividades que se fixo dende o comezo deste club. É unha oportunidade para ver os mellores exemplares e aprender tamén moito sobre o manexo dos mesmos; e por último na organización de xornadas expositivas. Neste último ámbito o 30 de xaneiro organizamos o primeiro Encontro da Mocidade Gandeira, en Lugo, no que acadamos a asistencia dunhas 160 persoas. Consistiu en catro ponencias de especialistas e unha posterior comida e xa estamos coa organización do segundo encontro que se xestará o vindeiro 30 de xaneiro.

-¿Cantos socios moven na actualidade?

-Somos sobre sesenta pero esperamos duplicar o número nos próximos catro anos. Nun comezo, os socios eran exclusivamente do ámbito galego pero a día de hoxe contamos con asociados doutros puntos de España. Existen varios tipos de socios; os menores de 35 anos e fillos de gandeiros ou os donos das súas propias explotacións, que reciben o nome de socios activos.

rocío manteiga rodríguez presidenta do club de xóvenes gandeiros de galicia

«Nacemos para crear un punto de encontro e debatir certas inquietudes respecto do sector»

«Temos socios que son fillos de gandeiros e os activos; coa súa explotación»

«O sector primario é base de industria e servizo»

O Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia acolle tamén no seu seo a menores de 35 anos de idade que non son fillos de gandeiros, e eles tampouco o son, pero amosan interese e esforzo nas accións que desenvolve a entidade. Non faltan tampouco os socios protectores; figura habitual en diversos colectivos. Un club dende o que se mira con esperanza un mellor futuro para o agro galego.

-¿O sector primario é un dos únicos que está a despuntar?

-O sector primario é a base do sector industrial e servizos. Os produtores levan a cabo unha labor indispensable para a sociedade: axudan a poboar as zonas rurais que doutra maneira quedarían abandonadas, manteñen os montes e praderías limpos, reducindo os riscos de incendios, conservan o patrimonio ambiental de Galicia e teñen a gran labor de producir alimento para a sociedade. Penso que se debería loitar polo sector, axudar a facer a actividade sostible e animar máis aos xóvenes a formarse e montar as súas propias explotacións.

-Mozos que, en moitos casos, fuxiron das aldeas. ¿Son tempos acaídos para voltar?

-Tal é como está o emprego a día de hoxe, moitos pensarían que voltar ao rural é unha solución. Ben, eu penso que a vida no rural permite cultivar os teus propios alimentos, criar os teus animais, e si que é certo que podería ser unha aposta de moitos. Non obstante, na miña opinión, apostar polo rural ten que conlevar, coma no resto de actividades, unha formación previa. Montar unha explotación rendible nos días que corren non é tan sinxelo como poida parecer. Necesítanse coñecementos e gañas de traballar. No que respecta á produción de proximidade e ao ecolóxico, penso que son opcións moi válidas para sacar o negocio a flote. Non obstante a capacidade actual do mercado de proximidade e do comercio ecolóxico é moi reducida en comparación coas producións actuais. Penso que o xiro ata esas vertentes debe ser paulatino e ben meditado.

-No seu caso concreto, e unha vez remate os estudos, ¿asentarase no rural?

-Como dicía anteriormente son enxeñeira química e estou cun master. Ao rematar penso facer outro especializado no sector alimentario e, polo momento, espero seguir os catro anos próximos como presidenta do club loitando para tentar convencer aos xóvenes de que o rural é vida. Persoalmente desfruto moito do rural.

-É que pertence a unha saga de produtores rurais...

-Meus avós tiñan vacas pero cando meus pais casaron había menos de dez cabezas, que tiveron que sacrificar por razóns de saneamento, polo que realmente foron meus pais os fundadores da empresa. Actualmente somos unha sociedade civil, da que somos socios meus pais e eu, temos un empregado e contamos con máis de 130 cabezas de gando.

«Os novos manexadores da zona amosan que aquí existe persoal capacitado»

A explotación familiar dos Manteiga está montada en sistema canadense, no que as vacas en muxido están atadas. Conta tamén con cama quente aberta onde os animais con problemas de patas se exercitan e descansan máis comodamente. A maiores dispoñen dunha zona acondicionada para as vacas de concurso, de maior calidade morfolóxica e ás que se lles despensa unha alimentación diferente. Instalacións que se completan cunha nave en alugueiro para a recría.

-Vacas de alta calidade morfolóxica que significaron premios...

-Efectivamente obtivemos os premios a Mellor Criador Moexmu nos anos 2014 e 2015, Vaca Campiona Feiradeza 2015, Vaca Joven Subcampiona Moexmu tamén no 2014 e 2015. Os premios mellor criador teñen especial emoción para nós xa que son un recoñecemento á mellora continua que persegue a nosa explotación.

-María, súa irmán, moza manexadora e de excelentes resultados...

-Acaba de vir o 6 de setembro de competir na confrontación europea de manexadores e preparadores, e acadou o premio á mellor peladora internacional no último concurso GandAgro. Eu tamén participo nos concursos de manexo e pelado pero os meus resultados non son destacables. Un bo manexador debe ter paciencia e agarimo polos animais.

-Na zona hai un grupiño de novos manexadores, ¿con futuro?

-A súa participación exitosa é moi enriquecedora. Síntome orgullosa deles dado que dan a coñecer Deza fóra e amosan que existe persoal formado e capacitado neste ámbito.