«Todos queremos estar en Lorient»

óscar manzano A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

José Manuel Porto sinala que a selección para estar no festival colleu por sorpresa ao grupo.
José Manuel Porto sinala que a selección para estar no festival colleu por sorpresa ao grupo. m. míguez< / span>

Porto destaca as actuacións que realizará a banda o sábado día 8, cun concerto de 50 minutos, e o domingo día 9, o gran día do festival bretón

02 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Porto Iglesias vai levar o vindeiro xoves día 6 ao Festival Interceltique de Lorient ao grupo que fundou e que dirixe desde hai 19 anos, a Banda de Gaitas de Barbude. Tras adicar case dúas décadas tanto á banda como á escola de gaitas, esta participación dalle aínda máis renome ao traballo que vén realizando. Xunto a el, partirán trinta e cinco membros da banda para deixar ben alto o listón da delegación galega.

-Canto tempo levan preparándose para o festival de Lorient?

-Pois levámonos preparando desde finais de marzo ou principios de abril, cando nos enteramos de que fomos seleccionados para participar no festival.

-Cando saen para Lorient?

-Sairemos o xoves día 6, repartidos en dous grupos: un ás 10 horas, e outro máis tarde, xa que hai persoas que están traballando. Iremos en autobús, despois dos problemas que escoitamos que ocorreron outros anos co ferry que saía desde Asturias, e esperamos chegar o venres a tempo para os ensaios.

-Cantas actuacións van realizar no festival?

- O sábado día 8 xa empezamos cun concerto de 50 minutos e o domingo 9 será o día grande, no que realizaremos un pasarrúas de cinco kilómetros e participaremos na noite máxica do festival, na que a delegación galega actuará ao redor das 23.55 horas.

-Como explicaría que é o festival de Lorient para quen non saiba de que se trata?

-O Festival Interceltique de Lorient é un dos máis importantes da súa clase, en Europa e no mundo. Todos os grupos queren participar alomenos nunha ocasión .

-Como recibiron a noticia da súa selección para participar no festival?

-Pillounos por sorpresa. Nós solicitamos este ano para participar por primeira vez, e chegounos a notificación sete días antes de Semana Santa.

-Vai acudir a banda de gaitas ao completo ou só unha representación?

-Non imos estar todos, pero si gran parte dos que formamos a banda. Estaremos trinta e cinco representantes de Barbude en Lorient. Xunto a nós estará tamén o grupo de baile Trévere de Marín, ao que por desgraza non coñezo aínda persoalmente.

-Cantos premios ten a banda de gaitas de Barbude no seu haber?

-Uns cantos. Agora mesmo non podería dicir un número, pero pódense ver todos os premios e medallas obtidos na nosa sede.

-Participaron antes nalgún certame deste calibre?

-Nalgún que outro. Estivemos no Festival Intercéltico d?Occidente (Asturias) e todos os anos acudimos a Madrid a celebrar o Día de Galicia, mais este ano non poderá ser xa que coa viaxe ao festival de Lorient temos demasiado gasto.

-Que plans e proxectos ten agora a banda de gaitas sobre a mesa?

-Esta fin de semana actuamos en Moreira. Despois do festival de Lorient, aínda temos que cumprir coa apretada axenda que temos programada durante este mes e setembro. Ademais, tamén queremos ir algún día a praia.

josé manuel porto iglesias director e fundador da banda de gaitas de barbude

«Nós solicitamos este ano participar por primeira vez no festival de Lorient»