«O mecanismo perverso de levar máis polo signo político vaise romper»

DEZA

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, asegura que os concellos van estar mellor que nunca cun novo sistema de reparto obxectivo

26 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A César Mosquera gústalle a política pola posibilidade de transformar as cousas e ese é o obxectivo na Deputación de Pontevedra, unha institución da que o novo vicepresidente coñece todas as súas interioridades despois de 24 anos como deputado do Bloque na oposición. As liñas programáticas do goberno de coalición, que preside a socialista Carmela Silva, parecen claras no pacto asinado entre PSOE e BNG para acometer esa transformación, pero o tempo dirá.

-Moitos dubidan de que a coalición funcione. ¿Como está sendo a aterraxe do novo goberno e cales son as súas primeiras sensacións?

-Fixemos un traballo moi difícil de poñernos de acordo nun programa escrito e asumido. Con esa base as dúbidas están un pouquiño fóra de lugar ata que haxa outros indicios, se é que os hai nalgún momento. Quitando pequenos detalles que sempre pode haber, está todo moi acordado. Pode suceder que algún deputado ou deputada pense que pode actuar fóra do pactado. Pode ser. Pero, en principio, isto ten unha base moi sólida.

-¿As áreas do BNG -Infraestruturas, Benestar e Medio Sostible- houbo que pelexalas ou renunciar a outras?

-As áreas cambiaron radicalmente o seu carácter e se alguén podía ter interese en levar vías e obras ou parque de maquinaria para asfaltar camiños municipais e ter moita relación cos veciños, pois non, porque acordouse que non se vai funcionar así. E, se cadra, alguén tiña a expectativa de que Turismo era moi importante para facer ?fiestuquis?, iso tamén cambiou e igual perdeu todo interese. Pode que polos dous lados unha área non che gustara especialmente ou tiveras que renunciar a outras, pero o reparto foi o máis simple, o último, e se fixo e de forma moi equilibrada e moi seria.

-A Deputación é o sostén da maioría dos concellos, que non teñen un peso, e moitos alcaldes andan nerviosos porque non saben se van poder seguir dispoñendo dos mesmos ou de máis cartos para obras e servizos.

-A Deputación non fabrica cartos, ten os que ten. A maioría deses cartos van ir aos concellos con criterios obxectivos e de maneira pouco condicionada. Eles van decidir en que os utilizan. Como xa dixemos, sería unha chulería e unha soberbia dicirlles nós o que teñen que facer. Está escrito e incluso cuantificado que todo o que se poida se vai facer e repartir a través dun plan ou fondo único con nula discrecionalidade, pouco finalista e sen o 20 % de reserva que repartía o presidente e que hoxe creo que está a cero. Por aí creo que os concellos van estar mellor que nunca.

-¿De cantos cartos falamos?

-O plan pode andar entre 40 e 50 millóns de euros anuais, o que se poida. Nunca houbo tal volume nun plan, nin a metade, e a partir de aí os concellos terán autonomía para dedicar eses cartos, fundamentalmente, a competencias municipais. Se un quere facer un porto deportivo, iso será competencia da Xunta, non municipal. Haberá excepcións para determinados equipamentos, pero se de verdade teñen interese no que pidan, os concellos tamén terán que rascarse o peto.

-Autonomía e corresponsabilidade. ¿Ese vai ser o cambio máis radical nas relacións da Deputación cos concellos?

-Agás para cousas moi excepcionais e moi de impulso, os alcaldes non teñen que vir aquí a nada. Obviamente, teñen as portas abertas, pero esa mecánica de vir a ver se consigo mil euros en chapapote ou cincocentos para non sei que, acabouse. Mire, todo iso que lle corresponde vaise xuntar e váiselle mandar para alá para que o manexe con autonomía e corresponsabilidade. É dicir, os concellos distribuirán eses cartos que se lle manden como ben entendan, pero despois que non deriven na Deputación responsabilidades que son deles. Esa é a cuestión.

-¿Canto lle vai corresponder a cada concello e cales van ser os criterios de reparto?

-Evidentemente non está feito o reparto, hai que analizar e demais, pero se cadra un concello pequeno vai andar entre 300.000 ou 500.000 euros ao ano e os de máis poboación, parte deles, van pasar de 2 millóns. Son cifras elevadas. En canto aos criterios, se terá en conta a poboación, extensión territorial ou número de núcleos e outras compensacións. E se despois din que teñen unha escola de non sei que e queren que tamén se lle subvencione, non, non... Ou vai todo e ti te responsabilizas de atender os servizos con autonomía, ou se non volvemos atrás e facemos o reparto con hordas para A, para B, para C, con mil liñas de subvencións e vinte plans diferentes.

-¿Como pensa que van responder os concellos? ¿Vai dar traballo romper co modelo anterior?

-Non estamos inventando nada. A Fegamp pasou anos e anos pedíndolle á Xunta que as liñas de subvención que tiña as fundira e fixera unha transferencia deses fondos sumados aos concellos, que xa é o Fondo de Cooperación Local. O curioso é que o que está pasando coa Xunta, creo que dende o ano 2003, na Deputación, que ten que servir aos municipios, non o había. Era un mecanismo perverso porque a maioría dos concellos pedíanlle iso a Xunta do mesmo signo político, pero as deputacións supoñían que as tiñan moi controladas e os da forza maioritaria ían levar máis. Ese mecanismo perverso, asumido por todo o mundo, é o que se vai romper. E claro que vai levar traballo.

-¿Que vai pasar con Vigo e Pontevedra? ¿Entrarán no reparto?

-Aquí hai un erro conceptual inducido e sesgado por certas opinións emanadas desde Vigo que non se corresponden coa realidade e tamén por certa expectativa que hai en Pontevedra de que a Deputación vai arranxar os problemas desta cidade. Iso é ficticio. As deputacións están para axudar aos concellos de menos de 50.000 habitantes que en maior ou menor medida non teñen financiamento nin obriga de prestar certos servizos de competencia municipal que están na lei. Os de máis de 50.000 teñen ese financiamento teórico e esa obriga, co cal a Deputación non pode, non debe, non é a súa función facer esas prestacións aos concellos grandes. O que se pode é mediante convenios colaborar con eles en infraestruturas moi caras, como se fixo ata agora.

-Un dos propósitos é adelgazar o ente coa transferencia de Príncipe Felipe, Mouriscade, Areeiro... ¿Imos asistir a unha guerra de competencias coa Xunta?

-Isto non é novidade. Aquí xa houbo un vicepresidente, López Abadín, que en 1991-1995 veu coa función primordial de negociar a transferencia de Príncipe Felipe. Un centro como ese de servizos sociais especializado é competencia da Xunta, igual que a investigación e a agricultura nos casos de Mouriscade ou Areeiro. É o mesmo caso do Hospital transferido. Claro que vai ser difícil que a Xunta queira collelos, e grandes expectativas non teño.

-Tanto o PSOE como o BNG defenden a desaparición das deputacións. ¿Van traballar para iso dende dentro?

-Fraga creo que nun principio estaba en contra das autonomías. Unha cousa é o que hai e outra as posicións políticas. Para que desaparezan ten que haber unha modificación da Constitución. Do que se trata de facer agora dende dentro dunha deputación é de racionalizar, que deixe de ser un ente de dependencias caciquís e que os cartos públicos que manexa teñan a maior eficacia.

césar mosquera lorenzo vicepresidente da deputación de pontevedra

«As áreas de goberno cambiaron radicalmente e perderon interese»

«Os alcaldes teñen as portas abertas, pero non van ter que vir por aquí para nada»

«Os concellos recibirán entre 300.000 e 2 millóns de euros anuais»