«Ao acabar a carne da matanza e as berzas da horta non fago cocido»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rosa Taboada di que as viandas salgadas e afumadas que pón no prato teñen sona na zona

08 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha desas mulleres polifacéticas que afortunadamente aínda se manteñen erguidas neste país. Rosa Taboada ten tempo para a casa, a horta, facer cocidos para grupos de amigos, ser a taxista da zona e exercer de pedánea. Todo iso dende a parroquia lalinense máis alonxada do núcleo urbán: Zobra; a onde moitos aínda non lograron chegar malia que as comunicacións nada teñen que ver co que eran antano. Anos atrás coller ruta cara a parroquia para acceder ás aldeas de Acevedo, Ameixedo, Chedas, Liñeiras, Portomartín ou A Trigueira era toda unha aventura. Terras altas rodeadas dos montes do Testeiro, zona apartada case esquencida e paraíso dos sendeiristas que abundan maioritariamente en verán. Nos días fríos coma estes pouca xente na aldea pero excelentes cocidos coma os que se poden comer na de Rosa ao igual que en moitas casas da contorna.

 

-Os seus cocidos teñen fama por toda a contorna...

-Xa será menos! Non teño restaurante, nin casa de comidas nin fonda... O que pasa é que levo moitos anos facendo cocidos para os amigos e semella que lles gustan. Veñen ou chámanme e pídenme que lles prepare un cocido e se teño materia prima non hai problema ningún.

 

-¿A materia prima procede entón toda da casa?

-Claro. Ao acabar a carne da matanza e as berzas da horta xa non fago máis cocido. Fóra dos garavanzos todo é da casa. A carne de porco é dos que matamos aquí, a verdura procede da horta e as fabas son do naval e mesmo a auga para facelo que é da fonte. Todo é cen por cen natural, nada de fóra.

 

-Entón, ¿cantos cocidos vai a servir nestes meses?

-Matamos catro porcos... ¿Cocidos que fago nunha tempada? Depende do ano. Ata que haxa carne. Cando se acabe, acabouse e ata o ano que ven. Entendo que non tería sentido ningún cunha persoa viñera ata Zobra para comer un cocido con carne mercada por aí. Non tería obxeto ningún. Que vaian aos restaurantes de Lalín a comelo! Non é o cocido que eu adoito prepararlle aos amigos e eles ben o saben. Unha vez que se acaba a carne pois acabouse a tempada de cocido na miña casa. É así todos os anos.

 

-¿Carne salgada e afumada?

-Como ten que estar a carne de porco para facer un cocido que saiba ben; salgada e afumada na xusta medida. A verdade é que, polo de agora, a carne aínda está un pouco nova... Fáltalle un chisco de curado, malia todo xa fixen algún cocidiño en días atrás. Son das que opino que a carne de porco ben curadiña é sinónimo de primeira calidade e hai que esperar a que esté lista no fumeiro para pasala ao pucheiro.

 

-¿Dende cando se elabora ese prato gastronómico na súa casa?

-Dende sempre. Meus pais tiñan taberna aquí en Zobra e xa miña nai, que na actualidade conta con 89 anos, facía cocidos para grupos de amigos e coñecidos. Eu seguín facendo o que ela facía con anterioridade.

 

-Á mesa da súa casa séntanse persoas da comarca e tamén doutras localidades galegas...

-É cun amigo trae a outro. Un é de Lalín pero trae a un coñecido de Pontevedra ou de A Coruña e, ao final, pasan pola casa xentes de todos os sitios. A verdade é que non che sabería nin sequera decir de onde son algúns ao seren amigos de amigos e coñecidos meus.

 

-¿Continuará cociñando para satisfacer encargos?

-Ata que me xubile teño pensado continuar e logo tentarei atender as peticións dos amigos como ata o de agora.

rosa taboada cociñeira, taxista e pedánea de zobra

«Non teño casa de comidas nin fonda só unha cociña no que convido aos meus amigos»

«A carne de porco ten que estar ben curadiña para ser sinónimo de primeira calidade»

47ª feira do cocido

"O alcantarillado é unha gran necesidade"

Rosa non se lembra dos anos que leva no cargo de pedánea da súa parroquia.

 

-Levo ben tempo pero non che sabería decir con exactitude cantos son. Bastantes. Antes estivo Herminio e a verdade é que o fixo moi ben.

 

-Pero a parroquia mudaría ben a súa fisionomía nestes últimos anos...

-Cambiar claro que cambiou, e moito. Antes aquí eramos moitos veciños e agora quedamos moi poucos. Anos atrás para chegar ata aquí era moi complicado ao non existir as carreteras que temos agora. Xente de fóra a Zobra viña moi pouca e para chegar se non tiñas un todo terreno non facías nada. Os nenos para ir ao colexio tiñan que ir andando un bo cacho para coller o autobús xa que non daba accedido á aldea.

 

-No positivo están as mellores comunicacións entón e no eido negativo á perda de poboación...

-Así é. Antes as casas estaban todas ocupadas e agora hai moitas cunha única persoa, outras que están pechadas ao longo de todo o ano e outras que se van abrindo de cando en vez na fin de semana. Nos meses de primavera e de verán é cando vemos máis movemento pola zona ao ser cando hai máis sendeiristas.

-Contan tamén con establecementos de turismo rural...

-Que funcionan, coma a maioría, con máis intensidade no verán. Alá polo mes de agosto é cando vemos máis xente pola aldea. No inverno estamos os de sempre, os que vivimos aquí todo o ano.

 

-¿Que carencias teñen na aldea?

-En términos xerais penso que temos de todo. As vías de comunicación arranxáronse e hoxe calquera persoa pode chegar con comodidade ata aquí, a sinalización tamén e boa pero o que de verdade nos facía falta era o alcantarillado. Iso é unha gran necesidade e os veciños levan tempo pedindoo pero os cartos non chegan para todo. Esperamos que nalgún momento o poidan facer. Logo continuamos tendo problemas co sinal dalgunhas canles de televisión. Non é nada novo xa que é un problema que vimos arrastrando de tempo atrás. Hai determinadas canles que se ven ben pero outras con moitas dificultades. En reiteradas ocasións viñeron a amañar o problema. Botamos unhas semanas en que non se rexistraban problemas de sinal e, de supeto, volvemos a atoparnos con mala imaxe nalgunhas canles ou en varias. Estamos un chisco cansos de que non se amañe o problema definitivamente en toda a parroquia.

"Meu pai xa era taxista e eu levo vintecinco anos levando a xente á feira do 3 e o 18"

Á marxe de atender as necesidades que lle prantexan os seus veciños, e facer de intermediaria das mesmas no concello, Rosa tamén exerce de taxista. Profesión que xa tiña o seu pai; coñecido por todos como «O Taboada de Zobra».

 

-É alguén tiña que seguir. A xente non tiña, e algunha aínda non posúe hoxe, un coche de seu e a Lalín sempre hai que baixar para arranxar determinados papeis, ir ao banco, ao ambulatorio ou á feira. Por iso pensei que non podiamos deixar aos veciños sen servizo e por iso collín eu o relevo.

 

-¿Cantos anos leva exercendo como taxista?

-Creo que levo vintecinco anos levando a xente á feira todos os 3 e 18 de cada mes e tamén cando precisan ir a Lalín.

 

-¿Veciños fundamentalmente da parroquia?

-Da parroquia de Zobra e algún de Moa. De aí son os meus clientes; seis ou sete que son os que levo case sempre á feira.

 

-Zobra leva sendo destino da ruta máis antiga da Asociación de Cabaleiros do Deza...

-A verdade é que sempre houbo unha boa acollida. Os cabaleiros chegan aquí e están penso coma na casa, ábrense as portas dos establos para que poidan meter os animais... Existe unha boa sintonía entre uns e outros. Eu normalmente son a encargada de cocer as carnes, as verduras e as patacas para o cocido que logo comen no teleclub da parroquia. Na miña casa non teño sitio para tanta xente. Eu prepárolles o cocido e logo sérvese arriba no teleclub.