«A Estrada sería sen dúbida o sitio perfecto para estrear a obra»

Francisco Brea
fran brea A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

O texto narra as vivenzas de dous anciáns mentres contemplan os seus últimos solpores

17 dic 2014 . Actualizado a las 05:11 h.

O pasado venres o xurado encargado de outorgar o premio de teatro Varela Buxán promovido polo Concello da Estrada deu a coñecer que nesta edicón a afortunada foi a lucense Ana María Carreira Varela, coa súa obra Un intre antes do solpor. Os membros do xurado destacaron, por exemplo, a creación dunha atmosfera e un ritmo escénico moi axeitados para recrear dous personaxes, vitalistas e cheos de humanidad, nos intres finais da súa vida.

-Que sentíu cando soou o seu teléfono e lle dixeron que era a gañadora do Varela Buxán?

-Pois unha alegría inmensa, ademáis de por gañar o premio polas cousas boas e interesantes que me dixeron sobre a obra. Este premio e eses comentarios refrendan moitos cousas boas que moita xente me dixera sobre o texto.

-Esta será a súa terceira publicación, será a primeira obra teatral?

-Si, teño dous contos publicados pero esta será a primeira obra de teatro. Ata o de agora neste eido escribira as cousas que che mandan facer na escola, xa que en xullo rematei os estudos na Escola Superior de Arte Dramática.

-Ten moita experiencia como narradora oral, e incluso como presentadora, axuda iso á hora de escribir unha obra de teatro?

-Si, coa narración oral actúas pero tamén fas dramaturxia, xa que tes que adaptar os contos e as historias co teu punto de vista, algo que tamén fas cando escribes. Tocar profesionalmente todos os puntos da escena enriquece moito, xa que cando escribo poido ver a globalidade, o espazo enteiro.

-O xurado destacou o fácil que é ver o seu texto na escena, cando escribe faino pensando na representación?

-Antes de entrar na escola de teatro si que o facía falando da narración oral, porque esa narración a ia por eu en escena. A raíz de entrar na escola non poido evitar que cando escribo algo tamén teño en mente a posta en escena. Cando estaba rematando de escribir este texto ata tiña claro que actriz e que actor serían os idóneos para os papeis protagonistas. Non quero ser unha escritora dramática que se quede só coa publicación da obra, gustaríame que se representase.

-Que se vai encontrar quen lea, ou vexa se se representa, o texto gañador deste Varela Buxán?

-Pois a dúas persoas que están no patio dunha residencia, no intre antes do solpor, falando e reflexionando sobre a súa vida. Os maiores non son todos iguais para relegalos a un tipo social, xa que moitos aínda que estén no seu deterioro teñen expectativas para o resto que lle queda de vida e gañas de vivir bos momentos. O patio da residencia onde transcorre a acción ten pegado o patio dun colexio, e nalgún momento interactúan os maiores cos nenos, que teñen puntos en común coma o de estar vixiados nun pequeno recinto.

-Que lle supón gañar este premio de teatro?

-Valoroo moito, xa que en Galicia hai poucos premios de teatro e esté ten a súa relevancia, e iso demóstrase na categoría do xurado no que participa unha persoa tan recoñecible coma Cándido Pazó ou tamén cos premiados de pasadas edicións coma Santiago Cortegoso, ao que admiro.

-Falando de Cándido Pazó, na rolda de prensa onde deron o seu nome como vencedora, dixo que xa vía a obra representada na Estrada, sería un bo teatro para a súa estrea?

-Se eu tivese a capacidade de decidir sobre a produción e onde se estreara A Estrada sería sen dúbida o sitio perfecto, por ser a localidade onde se lle deu a relevancia que antes non tiña a Un intre antes do solpor. Sería o sitio, non un máis.