Esplendor audiovisual dos 80 en galego, feito nas Cruces

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

miguel souto

A recuperación dun filme de 1988 está en mans do Clube da Lingua do IES Camballón, que o proxectará este venres

17 dic 2014 . Actualizado a las 05:15 h.

No medio dunha investigación realizada no Monte das Covas; onde abondan as lendas sobre tesouros agochados, un cruceño faloulles aos membros do Clube da Lingua do IES Marco do Camballón da existencia dun filme dos anos oitenta rodado no municipio cruceño. Foi o punto de partida para comezar un traballo de recuperación do cine afeccionado, protagonizado por xentes do municipio, por parte dos membros do Clube da Lingua que coordina Sechu Sende. «Quico Viz foi quen nos deu os contactos de dúas persoas que tomaron parte nese importante movemento audiovisual das Cruces alá polos anos oitenta, que eran Tito Pampín e Rafa Martínez que é maestro en Piloño. Así puidemos acceder ao material que é sobre o que estamos a traballar na actualidade», sentencia Sende.

Anos oitenta esplendorosos para o audiovisual local que se reflictiron nun filme: «Roland Figueiredo, axente segredo», rodado no municipio por un grupo de activistas culturais que foron quenes de protagonizar «un movemento audiovisual nas Cruces en galego, producindo varios filmes de ficción e documentarios». Un filme de 50 minutos de duración, que se proxectará para alumnos e persoas interesadas esta venres ás 10 da mañán no instituto cruceño, fora premiado no Festival de Cine Afeccionado de Vilagarcía no ano 1988 e no que prima a ficción con calidade, chispa e humor. «Para os rapaces os anos oitenta supoñen case situarse na prehistoria pero este material é moi importante xa que significa descobrer que Vila de Cruces tivo unha xeración de xente nova moi creativa e que o municipio estivo na vangarda da creación audiovisual neses anos».

A película, que foi cedida ao centro por Tito Pampín e Rafael Martínez de Produccións Cotonudo, está protagonizado por «moita xente das Cruces e tamén se poden ollar panorámicas de Merza, de Fontao... Son especialmente salientables tamén imaxes do ano 68 coas leiteiras vendendo o leite». Á visualización deste venres están convidados os que participaron no filme: Rafael Martínez, Xavier Vila, Luis Martínez, Tito Pampín, Gonzalo Rouco, Xosé Martínez, Manuel Padrón, Marisol Gómez, Santi Vázquez, Rosa Outeiral, Chapi, Pepe Senra, Lupe Pampín, Fuentes, Carlos García, Moncho, Mosteiro, Rodrigo Facal, Paco Penas... «Non todos poderán asistir á proxección malia sabemos que haberá un grupiño dos que fixeron posible este traballo».