«O galo de curral é unha carne con moito sabor e pouca graxa»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca LALÍN / LA VOZ

DEZA

Rocío Garrido ten un blog de cociña e escribeu un libro con receitas sobre razas autóctonas galegas.
Rocío Garrido ten un blog de cociña e escribeu un libro con receitas sobre razas autóctonas galegas. m. m.< / span>

Participará na degustación gratuita na Feira de Nadal de Cruces o domingo 21

14 dic 2014 . Actualizado a las 05:14 h.

Rocío Garrido, de Vilalonga (Sanxenxo) é a única cociñeira de fóra da comarca que participará o vindeiro día 21 na primeira xornada culinaria de ecogastronomía na Feira do Nadal do Galo de Curral de Vila de Cruces.

-¿Cal será a súa oferta culinaria?

-Eu vou preparar un galo de Mos de curral de Cruces guisado en sidra con crema de fabas de Lourenzá e queixo país, e con cabaza salteada.

-¿Que características destacaría do galo de Vila de Cruces?

-Esta raza de Mos, autóctona, estivo en perigo de extinción e agora volveuse recuperar. Para min o primordial á hora de cociñar é que é unha carne musculada, con moito sabor e con moi pouquiña graxa. Neso ten que ver que sexan criados en liberdade, con produtos naturais, con cereais ou verzas, non con piensos artificiais. Esa alimentación natural apórtalles moito sabor, e sobre todo, esa crianza en liberdade que fai que as carnes se musculen. Por iso á hora de cociñar teñen moito maior rendemento, non é o mesmo comer un galo dunha raza modificada xeneticamente para produción carnícola, que perde sabor e ten máis graxa, que nestes non.

-¿Que lle parece esta xornada culinaria de ecogastronomía?

-Paréceme estupendo, que se apoie aos criadores e se den a coñecer outras formas de cociñar, non só as típicas, para sacar moito máis partido ao galo de Mos de curral de Vila de Cruces.

-¿A cociña está máis de moda que nunca?

-Non é eso, o que pasa é que agora mesmo os medios se volcaron un pouco máis na difusión da cultura gastronómica. E sobre todo agora a tendencia é cara unha gastronomía de quilómetro cero, o slow food, unha gastronomía que aposta por produtos locais, por sabores de sempre e recuperar produtos, aí sí está habendo un gran movemento.

-Vostede ten un blog, «La cocina de mi abuelo», toda unha declaración de intencións.

-Sí, o blog está porque cando meu avó quedou viúvo, eu ía traballar e el me cociñaba a min, funlle ensinando. E logo cando el enfermou, eu me quedín a coidalo e entón fun eu a que lle cociñei a el: nese proceso puiden recuperar moitas receitas antigas, que el recordaba da súa nenez, e ao volver facerllas el comía moito mellor.

-Tamén escribeu un libro, «Cociñando coas razas autóctonas».

-No libro aparecen receitas coas dez razas autóctonas que estiveron en perigo de extinción, e que actualmente están en proceso de recuperación. Entre elas está o galo de Mos, que é unha das coñecidas, como tamén porco celta, pero hai outras como as vacas frieiresas ou as limiás que son máis descoñecidas: pretendemos darlle un pulo, que se coñezan, saber que as temos aí e nós como consumidores temos o deber de que non se volvan perder, senón perderíamos parte do noso patrimonio, xa non só a gastronomía senón tamén parte da nosa sociedade.

-¿Toda unha vida entre fogóns?

-A miña familia sempre estivo relacionada coa hostelería, pero eu estudiei informática. Empecei como afección, pero agora adícome a cociñar e a impartir moitos talleres de cociña.

rocío garrido cociñeira e blogueira