«Os colexios do rural non lle envexan nada aos das vilas»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Ven a sustituir no cargo a Gerardo López e afirma que tentarán facer melloras no centro de Vilatuxe, baixo o signo do consenso

12 dic 2014 . Actualizado a las 05:11 h.

A Anpa do colexio Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe (Lalín) sufriu cambios no seu da súa xunta directiva. Á presidencia que ostentaba Gerardo López Cobas chega agora José Luis Pereira Otero.

-O que se fixo foi unha redistribución de cargos. Eu era vogal na asociación e agora paso á presidencia e con outros compañeiros pasou o mesmo, fóronse cambiando de postos. Respecto da forma de traballar vai ser a mesma que había ata o de agora, continuarase na liña de antes.

-Chegou á presidencia e tocoulle lidiar coa rotura da caldeira...

-O certo é que a caldeira era antiga, tiña un desgaste importante e finalmente rompeu polo que non quedou outra máis que buscar unha solución ao problema en Educación e no concello e teño que decir que estiveron rápidos neste tema. Os rapaces frío non pasan xa que se puxeron radiadores eléctricos nas aulas e no comedor hai un par de bombas de aire. Eu mesmo estiven a comprobalo no centro. A solución foi rápida; malia que a avaría xurdiu o pasado xoves e no medio estaba un festivo e unha ponte. Se todo vai segundo o previsto para o venres -por hoxe- poderían estar rematados os traballos.

-Falamos dun centro educativo que ten xa os seus anos, ¿presenta carencias?

-Claro que hai carencias. Somos conscientes de que non se poden amañar todas dunha vez pero a nosa idea é cada ano facer unha mellora no mesmo. Agora mesmo estase a actuar no pavillón onde había filtracións de auga e na biblioteca tamén hai que mañar unha tarima. Non falamos de grandes infraestructuras pero consideramos que hai que manter o centro nas mellores condicións posibles. A pasada semán cambiáronse as fiestras do colexio e seláronse todas axeitadamente para acadar unha maior eficiencia enerxética.

-¿Emprenderán algunha campaña para lograr un maior volume de matrículas?

-Nós o que lle propoñemos aos pais e ás nais dos rapaces é que veñan a coñecer as instalacións do noso colexio e que xulguen por eles mesmos. Temos as portas abertas a todos aqueles que queiran coñecer as dependencias. Son dos que opina que os colexios do rural non lle envexan nada aos das vilas. Os do rural están tan ben dotados coma os dos pobos e non hai masificación. Neste, en concreto, hai espazo suficiente, servizo de comedor para os rapaces e hai unha excelente calidade humana; e dígocho eu que veño do colexio de Silleda. O meu fillo, por exemplo, comparte aula con oito compañeiros. Se non estudan é que non o queren facer; os profesores poden traballar cos rapaces con moita comodidade. Falamos dun colexio que chegou a ter 300 ou 400 alumnos e hoxe ten matriculados 73. Certo é que sería positivo aumentar o número de matrículas de cara ao vindeiro curso.

josé luis pereira otero novo presidente da anpa de vilatuxe