«O municipio de Forcarei merece unha alternativa nacionalista»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

O partido está a procura dun candidato á alcaldía ao situarse a actual edila na lista de Lores por Pontevedra

26 nov 2014 . Actualizado a las 05:21 h.

Os distintos partidos políticos comezan a amosar as súas apostas de cara aos vindeiros comicios municipais de maio. Así o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, foi quen de presentar xa a Anabel Gulías -actual concelleira en Forcarei- no número dous da súa candidatura.

-¿Como recibe a petición de Fernández Lores?

-Cando te chaman de Pontevedra, a miña cidade, para seguir traballando nun proxecto exitoso, pensado e planificado non podes decir máis que adiante. Nós, no BNG, estamos a disposición do colectivo; dende sempre.

-¿Que salientaría do traballo de oposición desenvolvido polo Bloque en Forcarei?

-Creo que houbo varias etapas. Eu me presentei a primeira vez e non fun escollida como concelleira por moi poucos votos. Logo comezamos coa xente de alí a facer rede e propostas, que é o básico, e froito dese traballo nas pasadas eleccións conseguimos volver a ter representación en Forcarei e afortalar este tecido, esta rede. Ese traballo é moi fortalecedor. Somos a formación política que máis mocións presentou e sempre relacionadas, na maior parte, co concello. Estamos agora nun proceso aberto tentando buscar xente que se sume a este proxecto e creo que Forcarei merece unha alternativa nacionalista máis cedo que tarde e penso que a van a ter. Fomos quenes de conseguir que os plenos tivesen máis sentido. Tiñamos ata problemas para acceder á documentación. Afortunadamente iso xa non pasa pero lémbrome nun pleno á alcaldesa que tivo que ler todas as resolucións xa que non me deixara coller as copias. Negarnos a documentación por sermos oposición era unha estupidez e iso mudou. Nós chegamos ao concello forcaricense para traballar polos veciños con outras ideas, iso sí. Penso que conseguimos dignificar o sector agrogandeiro e poñelo no sitio que lle corresponde. Había unhas importantes potencialidades que non se podían deixar pasar.

-¿Que lle falta ao municipio forcaricense?

-Planificación básica. Non se pode governar ás arroutadas.

-¿Como afronta o novo reto que se lle propón para maio?

-Con moita ilusión. E por se fora pouco saber que a ONU recoñece Pontevedra como modelo urbano, é o máximo. É exemplo de transformación política coma a que desenvolve o BNG noutros concellos. Somos unha forza política que ten demostrado que se pode xestionar doutra forma.

anabel gulías concelleira do bng de forcarei