Un dos bos e xenerosos

Xosé Luna

DEZA

26 nov 2014 . Actualizado a las 05:37 h.

Na súa infancia, na súa vida, na súa obra, abrollou como paisaxe de fondo a inconmesurable aldea de Porto de Gómez da vila do Baño. Da súa nai, Carmen, e do seu avó, Ramón, herdou os maiores Tesouros do Mundo: a humildade, o sacrificio, o traballo, a bonhomía.

Tivo moitos -moitos e bos Mestres- pero tivo un que foi o primeiro, o definitivo, don Aurelio Rey. Un bo día tivo que escoller un medio de transporte e non o dubidou nin un intre. Colleu a Ana da man, apretouna ben forte, e un 21 de xullo de 1955, tendo como testigo o Ceo Azul da vila da Estrada, rubiu nun Tren cheíño de amor e ilusións. Desde aquela, sempre xuntos, percorreron de vagariño as estradas da Vida.

Gastou (de sempre) ollar de neno pequeno. Gustou de ler. Da numismática. Da tertulia. De pasear baixo o Sol da Vida e de Escribir. Escribiu de todo (e sobre todo). Narrativa, ensaio, arte, poesía e teatro. Teatro! Todos os anos polo Nadal levávalle os Reis ao Panchiño. Polas Letras Galegas conversaba coa Nobre Dama. E mesmo no ano 1974, na vizosa parroquia de Couso tivo que solucionar un conflito insólito, unha Pelexa no Souto entre un castiñeiro e un eucalipto.

Seica de estudante en Compostela coñeceu a Antonio Machín. Que sorte tivo o Machín poder cruzarse no camiño da súa vida co noso sobranceiro amigo. E é que don Olimpio pertenceu a unha desas especies, rara avis, en vías de extinción, a dos bos e xenerosos.

A súa obra, o seu legado, a súa exemplariedade, a súa semente (tamén) cae sobre Nós engordiña, como o orballo da media noite// como vai caendo// lento// sen sentilo// como o vestixio platónico das horas// como o tempo?

Hoxe, entrementres as raiolas do Sol do outono saen por entre as nubes do ceo e a campá da igrexa parroquial de San Paio racha o infindo silencio será soterrado. E todos, familiares, veciños e aqueles que tivemos a honra de tratalo (como mestre, escritor e amigo), ficaremos alí, de pé, para rendirlle a nosa derradeira agarimosa homenaxe e relembrar os versos do poeta, «Xa ves/ non teño verbas/ pero teño un salouco que me enche todo o peito».