Don Olimpio para o futuro

Valentín García

DEZA

26 nov 2014 . Actualizado a las 05:41 h.

Don. Olimpio foi fundamentalmente un moi destacado mestre de escola e tamén un bo mestre da vida. Pedagogo de profunda vocación docencente, levou moito máis alá das aulas un incansable afán por formarnos a todas e todos nos moitos saberes que foi descubrindo e divulgando.

Fillo Predilecto da Estrada, cuntiense de nación, traballador de concello, factor da Renfe e logo mestre, concedeume o privilexio de poder compartir con el moitas horas de traballo, investigación e descubertas sobre a densa historia do Concello da Estrada. Unha historia que xa podemos dicir foi iniciada fundamentalmente por tres persoas que se suceden no tempo, que son Pedro Varela, Reimóndez Portela e Olimpio Arca. Nesas fontes beben e beberán, dun xeito ou doutro, todos os que sobre o estradensismo traten ou escriban.

Hoxe debemos darlle as grazas polos máis de 25 libros, innumerables artigos e conferencias que deixa publicados sendo pioneiro no uso cultivo e dignificación da nosa lingua propia. Tamén porque grazas ao seu esforzo moitas promocións de alumnos saben moito máis, nenos do rural cursaron estudos superiores e aínda así tivo tempo para o museo, escribir e representar teatro, para estudar os Pereiriños o Entroido do Ulla ou para descubrirnos a todos quen foron Ramón Verea, Mary Isaura, Manuel Bergueiro ou Bernardo Rodríguez entre outros moitos dos que sabiamos pouco ou nada. A el, ao grande mestre D. Olimpio debemos darlle logo as grazas por todo iso e por tantos consellos que nos leva dado, así como polo seu espírito sempre animoso e traballador.

Á súa formidable familia -o seu máis grande legado do que se sentía tan orgulloso- o ánimo necesario para proxectar a súa personalidade cara adiante coa lembranza sempre posta en quen xa é un referente persoal e cultural que xa forma parte do eterno patrimonio dun pobo.